A Uned de Lugo atrae un 20 por cento máis de matriculados

O centro foi galardoado por fomentar a igualdade de xénero e o desenvolvemento sostible
A directora do centro asociado da Uned en Lugo. AEP
photo_camera A directora do centro asociado da Uned en Lugo. AEP

A Universidade Nacional de Educación a Distancia (Uned) de Lugo está de noraboa por partida dobre. Por unha banda, experimentou un crecemento do 20% en matrícula de ensinanzas regradas, superando os 1.200 alumnos, e, por outra, o seu centro asociado da capital lucense ven de ser premiado polo Consello Social polas súas "boas prácticas".

Este incremento de alumnos, que se prevé que sexa maior coa apertura do segundo prazo de matrícula entre o 20 de xaneiro e o 10 de marzo do ano que ven, supuxo oito puntos máis ca media da área noroeste.

SIMPOSIO

Ademais do centro asociado da capital lucense, todas as aulas da Uned da provincia de Lugo medraron no número de matriculados. Conta con tres aulas en Foz, Monforte e Viveiro, onde dá servizo a preto de 100 estudantes en cada unha, e cunha sénior en Sarria, con actividades destinadas a maiores de 55 anos.

A comisión de xestión interna do Consello Social resolveu recoñecer boa práctica posta en marcha polo centro asociado de Lugo, na convocatoria deste ano. O premio ten unha contía de 5.000 euros e supón un recoñecemento ao bo facer deste centro en materia de igualdade de xénero e contribución aos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030 da Onu.

AXENDADESENVOLVEMENTO SOSTIBLE. A Uned está embarcada no proxecto #LugoNaturalMente, que é unha iniciativa a prol dun cambio sostible na sociedade lucense. Dende a entidade estase a traballar para transformar a provincia nun referente natural poñendo en valor a súa riqueza ambiental.

Outra das apostas dentro deste proxecto é contribuír á loita contra o cambio climático para que o legado para as futuras xeracións sexa un planeta mellor. Con este propósito celebrarase os vindeiros días 9 e 10 de decembro o Simposio en liña contra o Cambio Climático, no que expertos aportarán solucións para atallar este gran reto.

Outra das liñas estratéxicas é exercer como motor de cambio a prol dun modo de vida máis sostible para a sociedade luguesa.

En consonancia con esta aposta por xerar sensibilidade cos retos globais, a Uned está implicada na divulgación e consecución da Axenda 2030 da Onu e o seus 17 obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS). Algo que se reflicte na canle en liña #PlanetaODS, onde se aliñan as principais efemérides socioambientais do ano cos obxectivos de desenvolvemento sostible.

Comentarios