Un xulgado revoga a multa a unha tenda de Lugo que vendeu cervexa a un menor

A instancia xudicial estima o recurso do avogado do negocio sancionado con 3.005 euros, que argumentou que a lei galega, a diferenza das do resto do Estado, considera como bebidas alcohólicas só as que superan os 15 graos
Un macrobotellón en el parque Rosalía de Castro
photo_camera Un macrobotellón en el parque Rosalía de Castro

O xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Lugo deulle a razón aos donos dunha tenda da capital lucense que recorreron a multa de 3.005,07 euros que lle impuxo o Concello por vender fóra de horario dous litronas de cervexa a tres mozos, entre os que se atopaba un menor de idade.

Esta instancia xudicial estimou o recurso interposto polo avogado da sancionada, Jesús García Bernardo, que alegou, entre outras razóns, que a lei sobre prevención do consumo de bebidas alcohólicas, promulgada en Galicia a finais de 2010, considera que estas son as que superan os 15 graos e non a cervexa, á que encadra xunto ao viño e a sidra na categoría de fermentadas, que teñen de 1,2 a 14 graos.

A sentenza que se acaba de coñecer refírese a uns feitos que tiveron lugar durante as festas patronais de San Froilán de 2013. Axentes da Policía Autonómica constataron entón como o establecemento vendía o 10 de outubro, ás 22.35 hortas, dúas botellas dun litro de cervexa, de 4,8 graos, a tres mozos, entre os que se atopaba un menor, aínda que non foi este o que abonou as bebidas.

A denuncia que formularon os axentes por unha infracción grave, que foi remitida ao Concello de Lugo, indicaba que nesa tenda estaba a venderse alcol fose do horario establecido, porque, segundo recolle a referida lei galega, os locais que non están autorizados non poden comercializalo entre as dez da noite e as nove da mañá do día seguinte.

Non se pode aplicar neste caso ese horario restritivo debido a que o que se despachou foi cervexa, que precisamente nesa normativa que regula cando e onde se poden dispensar bebidas alcohólicas non lla recoñece como tal.

TIRÓN DE ORELLAS. O titular do xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Lugo dá na sentenza un tirón de orellas aos lexisladores galegos, pois as normas doutras comunidades autónomas consideran como bebidas alcohólicas todas aquelas que teñen máis dun grao. Cita por exemplo as de Estremadura, Valencia e Madrid.

O maxistrado advirte no fallo de que para emendar esa lagoa na normativa galega bastaría «cunha aclaración legal tan simple» como indicar que as bebidas fermentadas tamén son alcohólicas ou que estas son «todas calquera que sexa a súa gradación».

Ademais de revogar a sanción de 3.005,07 euros, o contencioso-administrativo impón ao demandado, o Concello de Lugo, as costas do proceso, cuxo importe precisa que non poderá superar os 200 euros.

CHOVE SOBRE MOLLADO. Este fallo xudicial volve pór de actualidade a controvertida lei sobre prevención do consumo de bebidas alcohólicas, que cando foi aprobada xa recibiu un aluvión de críticas por parte de diversos colectivos sociais. Incluso a oposición pediu a devolución do texto cando se discutía no Parlamento. O motivo, entre outros, foi que deixou aberta unha porta ao excluír desta categoría ás que denomina bebidas fermentadas, que non alcanzan os 15 graos. Ademais consideran que é máis sancionadora que prevencionista.

No seu artigo 3 define ás bebidas fermentadas como «aquelas naturais elaboradas exclusivamente a partir da fermentación de alimentos como a uva, os cereais, os froitos carnosos ou as bayas».

E denomina alcohólicas espirituosas ou destiladas ás «obtidas por destilación de produtos fermentados, por maceración en alcol etílico ou por adición de aromas, azucres ou outros produtos edulcorantes ao alcol etílico ou destilados, ou as mesturas das mesmas entre si con outras bebidas para obter maiores concentracións de alcol, superando os 15 graos».