lunes. 25.01.2021 |
El tiempo
lunes. 25.01.2021
El tiempo

Plan 'guay' para aprender

Participantes en los talleres que se llevan a cabo en el colegio Illa Verde con colaboración de alumnos de Profesorado
Participantes en los talleres que se llevan a cabo en el colegio Illa Verde con colaboración de alumnos de Profesorado
Estudantes de Formación do Profesorado póñense ao servizo de profesores do Illa Verde para mellorar competencias dos alumnos

A Veva -"con dúas uves", como matiza ela-, as profesoras que foron estes días á súa clase de terceiro A no colexio Illa Verde parécenlle estupendas. "Son novas e guapas", di a pequena, duns sete anos, que está encantada coas visitas que estes estudantes de cuarto curso do grao en Mestre de Educación Primaria, especialidade Audición e Linguaxe, estiveron facendo ao seu colexio a semana pasada e esta.

As visitas enmárcanse nun programa de aprendizaxe-servizo que leva a cabo nun par de materias de cuarto curso e para o que todos os membros da comunidade educativa teñen palabras de afago, sobre todo os nenos. Son actividades "divertidísimas", segundo din Ángel, Paula e Mateo, compañeiros de Veva nun dos grupos de aprendizaxe que se formaron na súa aula, cando se lles pregunta que lles parecen as cousas que fan. É un sistema "guay para aprender", volve insistir Veva. "Cun profesor aprendemos o importantes que son os puntos e as comas", di Ángel moi serio.

O entusiasmo compárteo tamén Ana López, titora de terceiro A. "É un luxo contar cun profesor de prácticas cada catro alumnos", di. Alén da cadea de ensino, a satisfacción non é menor: "É un privilexio para os alumnos de Formación do Profesorado pór en práctica o que aprenden nunha contorna real", sinala María José Fiuza, a profesora do departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC que puxo en marcha esta iniciativa.

Iso mesmo confírmao Alba López, unha das estudantes que participa neste programa. "Poder facer un traballo para unha materia e que sirva para alguén é moito máis produtivo e moito mellor que facelo para que quede no despacho do profesor", indica.

A proposta partiu da facultade de Formación do Profesorado e o colexio aceptou sen reticencias. "É un centro aberto, dinámico, con amplas miras. Non todo o mundo está disposto a abrir a aula deste xeito", indica Fiuza. Ao principio, a colaboración ía ser máis reducida, pero empezaron no primeiro cuadrimestre -dentro da materia Tratamento e Intervención Psicoeducativa nos Problemas de Linguaxe- e, ante o éxito da iniciativa, déuselle continuidade no segundo cuadrimestre, dentro da materia Detección e Avaliación de Problemas de Linguaxe na Infancia.

ORIXE. Inicialmente, a iniciativa comezou en segundo, pero a petición dos propios profesores do centro foise estendendo a primeiro, terceiro e cuarto de primaria. Nestes dous últimos cursos, ademais, hai alumnos con necesidades educativas especiais para os que os futuros profesores elaboraron material específico despois de recibir indicacións dos profesores de Pedagoxía Terapéutica sobre a situación concreta de cada caso.

"O profesorado respondeu masivamente porque resulta novo, innovador, é un sopro de aire novo", sinala María José Castro Xirona, xefa de estudos do Illa Verde, que asegura que "o resultado foi moi satisfactorio e gratificante" e están xa pensando en continuar en cursos próximos, "adaptándoo máis porque este ano abarcouse moito", apunta.

Refírese Castro Xirona a que unha vez visto o funcionamento do programa, outros docentes fóronse apuntando e solicitando colaboracións dos alumnos de Profesorado. Pero o entusiasmo foi tamén amplamente correspondido entre os universitarios. "Custounos coordinalos porque todos querían estar en todas as actividades", explica María José Fiuza, quen asegura que en realidade, tanto con oito anos como con vinte "a aprendizaxe facendo cousas é máis significativa e motivadora, máis creativa". Na primeira materia eran 22 alumnos e, na segunda, 20.

Este curso traballouse a competencia lingüística por decisión do profesorado, que elixiu "á carta". En función das súas demandas, os estudantes prepararon para o groso dos alumnos talleres relacionados coa competencia lingüística, especialmente co estímulo da práctica lectora, prestando atención á conciencia fonolóxica e o procesamento sintáctico e semántico, todo dunha forma lúdica, con xogos como o Pasapalabra, o memory ou o bingo de palabras, entre outros.

Para alumnos con necesidades especiais e con trastorno do espectro autista elaboraron materiais máis manipulativos. Esa achega resulta inestimable para os profesores que teñen algún caso nas súas aulas, porque son nenos "que necesitan moito material e para unha titora con 25 alumnos nenos ao seu cargo é complicado elaboralo", apunta María José Castro Xirona. Ademais, o material elaborado neste programa doarase ao centro, polo que a súa pegada será aínda máis duradeira.

Plan 'guay' para aprender
comentarios