Un funcionario municipal cesado por absentismo asegura que está de baixa

Un xulgado revogou un alta de 2014, pero o Concello di que en xaneiro debía volver ao traballo

O funcionario municipal da área de servizos sociais que esta semana foi "apartado do servizo" por non terse incorporado ao posto de traballo, a pesar de recibir a alta médica do Sergas o pasado 9 de xaneiro pasado, asegurou este vernes que unha sentenza emitida o día 26 dese mesmo mes avala que aínda segue de baixa.

O traballador, de 55 anos de idade e que leva no persoal municipal desde 1982, explica que é enfermo do corazón e que, tras sufrir un infarto, tivo que someterse ata a cinco operacións nos últimos anos, nos que estivo de baixa. Engade que en setembro de 2014, tras esgotar os 18 meses de incapacidade laboral transitoria, a inspección médica do INSS decidiu darlle de alta, unha medida que el recorreu xudicialmente. O xulgado do Social número 1 de Lugo deu a razón ao funcionario nunha sentenza do 26 de xaneiro de 2015, aínda que uns días antes, o 9, o Sergas decidira cancelar tamén a baixa médica, segundo o traballador, "porque o INSS non notificara a alta e foi no xuízo cando o Sergas tivo coñecemento desa decisión".

Esa segunda alta médica é a que argumenta o Concello para iniciar o expediente por absentismo laboral o 25 de febreiro, aínda que o funcionario asegura que a sentenza xudicial determina que aínda hoxe segue de baixa.

Ademais, o empregado municipal rexeitou as declaracións realizadas polo portavoz do goberno local, Miguel Fernández, quen en rolda de prensa asegurou que desde xaneiro o traballador non comparecera no seu posto, "non constando por que". O funcionario asegura que o Concello si que coñecía a súa situación e, de feito, compareceu en dúas audiencias cos instrutores do expediente nas que presentou a documentación e a sentenza xudicial que revogaba a alta médica.

Aínda así, o empregado, que tamén considera que se incumpriron prazos na tramitación do expediente, critica que se decidiu deixarlle sen traballo e advirte de que se vai a quedar nunha situación precaria. "Non vou ter subsidio de desemprego, a miña muller está paro e teño un fillo de oito anos e unha hipoteca", asegura o afectado, quen engade que ten que gastar unha media de 120 euros ao mes en medicamentos. Por iso, ironiza ao explicar que vai ter que recorrer aos servizos sociais para porse "do outro lado da mesa" e pedir axuda.

Para o empregado, o expediente aberto contra el obedece a unha "persecución" por parte de altos funcionarios do Concello e políticos que intentaron influír en decisións que tomaba como empregado municipal, á vez que cre que se lle usa de "conejillo de indias para que outros tomen nota".

Mentres, desde o Concello reiterábase este venres que este traballador foi dado de alta de novo o día 9 de xaneiro e que a sentenza xudicial afecta só á decisión adoptada polo INSS en xaneiro. Tamén se indica que o funcionario pode recorrer esa alta médica, pero que iso non lle exime de reincorporarse ao posto en tanto non se resolve a reclamación.

O funcionario de servizos sociais di que ao quedar sen paro deberá pedir axuda ao Concello e porse "do outro lado da mesa":

Comentarios