Educar en pleno contacto coa natureza e a arte a nenos de entre 2 e 6 anos que viven pleno centro urbano de Lugo é o obxectivo dun centro escolar que iniciou este curso a súa andaina na antiga escola rural de San Xoán do Alto da man da asociación Nenea. "Estamos a dez minutos en coche do centro e as familias ven que aquí os nenos poden aprender dun xeito diferente, porque todos os días facemos unha actividade fóra", asegura Bibiana Marful. Esta pedagoga é unha das impulsoras dun proxecto que segue o modelo das escolas bosque de Holanda e Reino Unido, e que conta co apoio do Concello, que lles facilitou o local e arranxou as instalacións para que o centro comezase a funcionar.
"Nenea, que é unha asociación sen ánimo de lucro, presentounos o proxecto e buscamos un local que puidese servir de aula. Vimos que a escola de San Xoán do Alto apenas se estaba a usar e, dacordo cos veciños, decidimos cedela para crear esta escola dá natureza", recorda o concelleiro da zona rural, Miguel Fernández, quen engade que o Concello financiou as obras de acondicionamento do local, mentres que Nenea puxo o material necesario para o centro.
Pola súa banda, Bibiana Marful explica que o proxecto de escola da natureza botou a andar hai uns meses con sete nenos, que acoden a diario de 9.00 a 15.00 horas, aínda que aclara que hai 22 familias asociadas que tamén participan noutras actividades que se organizan en colaboración con outras entidades ou durante o fin de semana. Así, indica que tras abonar unha cota de entrada, os socios poden optar por converterse en Familias Nenea e pagar 250 euros ao mes, o que dá dereito a escolarizar aos seus fillos no centro de San Xoán do Alto, ou ser Amigos Nenea, pagando unha pequena cota para poder asistir a cursos, talleres ou charlas, así como a actividades que desenvolven durante as vacacións escolares de Nadal ou Semana Santa.
Bibiana explica que os pais poden elixir este tipo de formación alternativa para os seus fillos porque a educación infantil non é obrigatoria, aínda que sinala que en Nenea cumpren os obxectivos do currículo oficial da Xunta para que os nenos salgan igual de preparados cando inicien a etapa de primaria. «Eles teñen que escribir e ler, pero van facendoo en base aos intereses deles, porque a aprendizaxe sempre prodúcese gozando», explica esta pedagoga, que traballa a diario cos nenos xunto coas súas compañeiras Zaika Álvarez Socorro e Coral López Vázquez.
Ademais, os pequenos do centro contan cun compañeiro especial, Lúa, un can que forma parte dun programa de educación con animais que desenvolven en colaboración coa USC.
►Máis información sobre este proxecto na web de Nenea ou no teléfono 615 392 929◄