Doha, unha experiencia enriquecedora

Un biógrafo lucense estará nos Xogos de Río 2016

Fran Pena estará nos Xogos Olímpicos realizando biografías de diversos atletas para a empresa holandesa Infostrada. O ano pasado xa desempeñou o mesmo labor nos campionatos do mundo de atletismo paralímpico
Fran Pena, en el parque Rosalía de Castro, antes de partir hacia Río
photo_camera Fran Pena, en el parque Rosalía de Castro, antes de partir hacia Río

Francisco Pena, natural de Lugo, é un apaixonado do deporte. A súa vida profesional xira ao redor del. Xestiona unha páxina web de resultados e recoñece que é dos que trasnoitaban para ver os XX.OO. cando se disputaban en países situados no outro lado do globo terráqueo. Agora poderá cumprir un soño: vivir en primeira persoa os Xogos de Río de Janeiro.

Fran estará na cidade brasileira durante un mes, traballando como biógrafo para a empresa neerlandesa Infostrada. "O noso obxectivo é realizar as biografías de todos os atletas que compiten en Río. Esas son as biografías que despois vai utilizar o Comité Olímpico Internacional, ben para polas na web ou ben para darllas aos xornalistas que cobren a información dos XX.OO.", explica. O seu labor, xa que logo, require un minucioso traballo de investigación. Sobre os deportistas máis coñecidos, dita información é facilmente accesible a través de Internet, pero nos Xogos Olímpicos tamén hai participantes mediaticamente descoñecidos. Aí radica a importancia do traballo de campo que levará a cabo en Río. "Nós centrámonos nos atletas dos que temos menos información; ir a Brasil é case a nosa única opción para chegar ata eles", conta Fran Pena.

Biografías

Fran é un dos empregados enviados a Río para completar os perfís dos atletas

Este lucense leva un ano e medio traballando para Infostrada, onde afirma que entrou "un pouco de casualidade". Un día, investigando por Internet, atopouse co proxecto da empresa holandesa. "Púxenme en contacto con eles e envieilles o meu currículo. Eu xa estivera nalgúns campionatos, como voluntario, sabía idiomas e gustábame o deporte", explica. Fixéronlle unha proba, contáronlle detalladamente que querían, como o querían e empezou a traballar con eles.

Infostrada ten varias seccións, todas orientadas ao deporte: realizan previas dos eventos, resumos dos mesmos, seguimentos en vivo, etc. Nela traballan centenares de analistas. Na sección de biografías, na que está Fran, hai ao redor de 80 persoas. "É un traballo arduo, porque son 10.500 atletas. Todas as biografías redáctanse e compróbanse. Calquera dato que haxa na biografía debe ter a súa fonte. É un traballo que leva o seu tempo". Durante o ano operan indistintamente con información sobre atletas olímpicos e paralímpicos, pero dous meses antes de que se celebren as citas, diversifican os traballadores.

En decembro comunicáronlle que estaba entre os posibles candidatos para ir a Río. "Pouco despois confirmáronmo, e nada, loxicamente estou moi contento", conta. En total, dez biógrafos de Infostrada estarán en Río. Fran explica que a el o colleron "sobre todo polos idiomas", xa que fala catro, unha calidade moi valorada á hora de seleccionar a quen enviar a realizar o traballo de campo. Fran, ademais, é dos poucos castelanfalante de Infostrada, polo que a súa presenza é vital para establecer comunicación co gran continxente de deportistas suramericanos que acoden a estes eventos.

10.500 atletas

Infostrada realiza biografías de todos os deportistas que participarán en Río 2016

Non é a primeira vez que Fran é destinado a un campionato internacional. "O ano pasado mandáronme a Catar, aos campionatos mundiais paralímpicos de atletismo", conta, unha experiencia que cataloga de "incrible". "A parte que máis me gusta é a de contacto humano, a outra tamén me gusta, pero a de contacto humano é máis entretida porque é como unha aventura cada día", explica o lucense, que aínda non sabe que se atopará en Río. "Aínda non sabemos se teremos acceso a todas as áreas ou se haberá algunha con acceso restrinxido, e iso cambia bastante as nosas opcións", comenta.

Con respecto ao método de traballo, Fran conta que saían "ás oito da mañá" para intentar atopar a xente. "Tiñamos unha lista e iamos buscándoos. Hai un cuestionario máis ou menos estándar, ás veces deixabámosllos e outras veces preguntabámoslles se o podían cubrir nese momento. Depende un pouco das opcións que vísemos, de se nolo ían devolver ou non, porque moitas veces quedan en devolvercho ao día seguinte e ao final nada", explica. Así, define o trato cos atletas paralímpicos como "xenial", pero, polo que lle dixeron, dentro dos atletas olímpicos "hai un pouco de todo", porque "está máis mediatizado", aínda que confía en que o ambiente en Río sexa bo. "Os que optan a medallas adoitan dar máis importancia á concentración e son menos accesibles, o que menos queren é que os molestes e que esteas aí facéndolles fotos", explica Fran, que non espera ter demasiados problemas, pois ao entrevistar a deportistas pouco mediáticos, son xente "para a que estar aí xa é un premio".

Aínda que os Xogos non arrincarán ata o 5 de agosto, Fran aterrou en Río o pasado venres. En menos de dúas semanas, este lucense cumprirá un soño: formar parte dos Xogos Olímpicos.

Comentarios