Un acusado de vender heroína na rúa alega que esperaba ao butano

O fiscal mantén que traficaba con droga e solicita dous anos de cárcere e 60 euros de multa

Un home acusado de vender heroína na Milagrosa negou o martes os feitos na Audiencia Provincial de Lugo e asegurou que cando o arrestou a Policía Nacional estaba a esperar a que chegase o butano.

Os axentes incautáronlle 30 euros en efectivo supostamente procedentes "do tráfico ilícito de drogas", pero o acusado asegurou que non vendía estupefacientes e que tiña o diñeiro para "pagar a bombona" e para "facer un pouco de compra". Segundo os argumentos do fiscal, sobre as seis menos cuarto da tarde do 2 de setembro de 2014, o home atopábase na Rúa Milagrosa de Lugo e de súpeto achegouse a un vehículo que se detivo na zona.

Acto seguido, entregoulle á condutora unha bolsiña que contiña heroína -cun peso de 0,087 gramos e unha pureza do 30,27%- a cambio dun billete de dez euros. Cando foi detido, os axentes incautáronlle trinta euros e unha bolsiña de marihuana.

O acusado, con iniciais J.G.V., negou a versión do ministerio público e explicou que a condutora do vehículo -á que coñecía- detivo o seu coche e chamouno. "Eu achegueime e ela preguntoume se sabía quen lle podía vender heroína, pero eu díxenlle que non sabía porque xa non estaba metido nese mundo", explicou.

O home negou ademais que recoñecese ante a Policía Nacional que vendía droga. "É totalmente falso. Inventaron toda a declaración. Por iso sempre é mellor declarar no xulgado", dixo.

CONDENA. O fiscal considera que o acusado é autor dun delito contra a saúde pública na modalidade de drogas que causan grave dano á saúde e solicita para el unha condena de dous anos de prisión, así como unha multa de sesenta euros.

O xuízo contra o suposto traficante –que ten varios antecedentes por delitos de furto– celebrouse o martes pola mañá na Audiencia Provincial e quedou visto para sentenza.

Comentarios