A Uci do Hula ten catro pacientes con coronavirus, tres sen vacinar

O máis novo dos hospitalizados na área de críticos do hospital lucense está na corentena e o maior, na sesentena
Unidad de Cuidados Intensivos del Hula. ARCHIVO
photo_camera Unidad de Cuidados Intensivos del Hula. ARCHIVO

Tres dos catro pacientes ingresados por covid na Uci do Hula non están vacinados. O cuarto deles ten a pauta completa pero se trata dun paciente inmunodeprimido e neste tipo de enfermos a inmunización propiciada polas vacinas pode ser menor.

A pinza de idades dos hospitalizados na área de críticos do centro lucense está entre a corentena e a sesentena. O último en ser ingresado en Uci fíxoo este sábado e dous deles tiveron que ser trasladados desde outro centro da provincia. O conselleiro de Sanidade advertiu a comezos desta mesma semana de que se observaba en toda a comunidade un incremento dos ingresos en Coidados Intensivos de xente nova, sen vacinar e que xa non chegaba a pasar polas plantas de hospitalización convencionais senón que ían directamente a críticos.

VER MÁS | Os casos activos seguen en aumento na provincia pero baixan os hospitalizados

Chama a atención a proporción de ingresos en Uci con respecto aos de planta, xa que no Hula hai catro en coidados intensivos e tres en unidades convencionais de hospitalización, cando o habitual é que os de planta multipliquen aos de críticos. En planta hai, fundamentalmente, pacientes con outras patoloxías e vacinados aos que a infección por SARS-CoV2 contribuíu a desestabilizar as súas enfermidades de base.

Segundo explicou recentemente o xefe de Pneumoloxía do Hula, Luís Pérez de Llano, a vacinación contribuíu a cambiar o perfil de risco do paciente con covid. No grupo de non vacinados seguen sendo as persoas con obesidade, hipertensión e patoloxías crónicas como insuficiencia cardíaca ou Epoc. Pero no grupo de vacinados o paciente que ten máis perigo de desenvolver unha forma grave da enfermidade é inmunodeprimido; como trasplantados, persoas con insuficiencia renal a diálese, pacientes con VIH ou enfermos oncolóxicos con tratamento activo.

No resto de hospitais da provincia hai catro pacientes en unidades de hospitalización convencionais: dous na de Burela e dous na de Monforte.

Lugo é a área sanitaria galega con menor presión hospitalaria por covid actualmente, o que permite manter polo momento toda a actividade programada, que é moita. Novembro e decembro son meses nos que se intenta reducir a lista de espera, tanto cirúrxica como de consultas, polo que un aumento substancial de ingresos por covid podería obrigar a suspender numerosas cirurxías ou citas. En total, na provincia hai 645 casos activos.

Comentarios