Os turistas volven á cidade noutro verán con restricións

Tras uns meses complicados, Lugo vólvese a encher de visitantes, na súa maioría familias españolas. A vacinación fai que a poboación, a pesar de ser prudente, perda o medo a viaxar
undefined
photo_camera Turistas este luns nas rúas de Lugo. SABELA FREIRE

Os números e as rúas non menten: nas últimas semanas os turistas volveron á cidade lucense. E o perfil da maioría segue sendo similar. Desde o Hotel Méndez Nuñez explican que o 97% dos turistas son nacionais, que aínda hai poucos estranxeiros. "A maioría son familias ou matrimonios de España, que non queren saír do país", confirman desde outro hotel do centro lucense.

Unha noticia tranquilizadora para un sector que leva case ano e medio con restricións, aforamentos e unha facturación moito máis baixa do normal. "En xullo xa tivemos bastante movemento, en agosto esperamos incluso máis, pero todo depende dos cambios normativos", explican desde o Hotel Méndez Núñez.

A esta melloría da situación contribuíron en gran medida as vacinas. "Moitos parecen estar conformes con estar vacinados e parece non preocuparlles esta explosión de contagios. Aínda así, sen medo, é raro o que non respecta as normas actuais como o uso de máscara", describe un hostaleiro.

Outro explica que as vacinas e o longo da situación fixeron que a maioría da poboación, especialmente os turistas actuais, adaptouse. "Vénnos moita xente maior que o ano pasado non o fixeron, teñen menos medo", describe.

Cristina Cruz, unha turista canaria que veu de vacacións a Galicia coa súa familia, admite que dubidaron se vir. "Asustámonos un pouco co aumento de casos, pero despois pensamos que ao final en todos os sitios españois están máis ou menos igual", declara a moza. Ao visitar o centro lucense quedou sorprendida. "Hai bastante ambiente, non mo esperaba, a verdade, pero se está moi ben", conta esta turista .

Autocaravanas. O modelo de viaxar en autocaravanas viu na pandemia unha aliado clave e a área existente xunto ao Pavillón Municipal está estes días case chea.

!O ano pasado creceu, e este aínda máis. A pesar de ter completo desde hai meses agosto e setembro, estamos a recibir unhas vinte chamadas diarias", contan desde Premium Van Galicia.

Destacan que a maioría dos clientes son familias e, a pesar das circunstancias, nestes meses só tiveron unha cancelación por unha cita de vacinación.

Comentarios