O presidente do TSXG, sobre De Lara: "Hai que ver o porqué das instrucións tan prolongadas"

O alto tribunal abriu un expediente disciplinario á xuíza por atrasos "inxustificados" nas súas causas

Miguel Ángel Cadenas. AEP
photo_camera Miguel Ángel Cadenas. AEP

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, admitiu que o alongamento nas causas da titular do xulgado de instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, é unha "realidade"; pero espera a coñecer o seu "porque". 

Así se pronunciou tras ser preguntado polos xornalistas sobre a apertura dun expediente disciplinario á xuíza Pilar de Lara, por atrasos "inxustificados" nas súas causas e "decisións que ocasionaron un ficticio incremento do volume de traballo". 

Cadenas foi prudente á hora de realizar a súa valoración: "Non se lle pode dar ao que é o acto de apertura do expediente máis transcendencia da que ten, e que é o inicio dunha investigación para determinar a responsabilidade disciplinaria da maxistrada", sostén. 

O presidente do TSXG admitiu que o alongamento dos procesos "é unha realidade", posto que hai instrucións que proceden dos anos 2008, 2009, 2010. Pero di que "o que hai que ver en concreto é por que se produciu esta traxectoria tan prologada dunha instrución". 

"A apertura do expediente é por feitos concretos. Non é causa xeral aberta ao xulgado de instrución número 1 de Lugo", precisa Cadenas. 

A xuíza Pilar de Lara é a instrutora responsable dalgunhas das macrocausas máis relevantes que se investigaron nos últimos anos en Galicia, como a operación Pokemon, que comezou a investigarse en 2012, ou da operación Carioca, iniciada en 2008. Así mesmo, leva, entre outros asuntos, unha peza separada da operación Campión.

Precisamente por mor deste caso, o letrado Xoán Antón Pérez Lema presentou a mediados deste ano unha denuncia ante o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) por dilacións "indebidas" en relación a un recurso de apelación presentado en outubro de 2017 para pedir o sobresemento no relativo ao seu cliente. 

Comentarios