O TSXG eleva a 150.000 euros o pago a unha lucense que perdeu a perna

Un atraso no diagnóstico impediu que fose ben tratada e tivéronlla que amputar. O xuíz de primeira instancia de Lugo recoñecéralle unha indemnización de 80.000 euros
Sede del Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. ADP
photo_camera Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. AEP

Unha lucense recibirá uns 150.000 euros de indemnización por parte do Sergas logo de perder unha perna por un mal diagnóstico tras unha operación de implante de xeonllo. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considera que os 80.000 euros que o xulgado de primeira instancia de Lugo determinara non son suficientes para compensar o dano causado á muller, que solicitaba 400.000.

A paciente foi derivada polo Sergas a un hospital concertado para que lle realizasen un implante de xeonllo. Foi durante o postoperatorio cando xurdiron os problemas. A paciente avisou insistentemente dunha dor, pero este foi achacado polos médicos a simples molestias derivadas da propia operación, sen ter en conta outras opcións. En realidade, o que esta sufrindo era unha "trombosis arterial poplítea", pero para cando lla diagnosticou xa era tarde e tívoselle que amputar o fémur á altura do xeonllo.

Os médicos atribuíron os síntomas aos normais pola operación de implante de xeonllo á que acababa de someterse

A Xustiza dá neste caso a razón ao letrado da paciente, Óscar Núñez Torrón, que argumentou que ese atraso no diagnóstico impediu que se lle aplicasen medidas terapéuticas que puidesen evitar a amputación. En realidade, segundo coincide a sentenza, tampouco é seguro que se se detectou antes o problema a muller puidese salvar a perna, pero a pesar desa "incerteza", o que é innegable é que ese atraso no diagnóstico supuxo unha "perda de oportunidade" que "determinou que a extremidade excedese o límite de viabilidade".

O SERGAS, RESPONSABLE

O Sergas defendera que non era a súa responsabilidade, senón do hospital concertado onde foi operada, pero tanto o xuíz de Lugo como agora o TSXG considera que é a administración directamente responsable do servizo a que debe asumir a indemnización, sen prexuízo de que logo o Sergas poida reclamar contra o centro concertado.

No que non está de acordo o TSXG co xuíz de primeira instancia é na valoración da indemnización, que se fixou en 80.000 euros. A sala considera que dado que "a probabilidade de curación co tratamento adecuado resultaba altamente probable" e os "importantísimos prexuízos estéticos e funcionais", dita cantidade ha de elevarse polo menos ata os 110.000 euros. A esa cifra hai que sumar ademais os intereses legais; dado que se trata dun asunto de 2008, estes roldan os 40.000 euros, polo que se chega a eses 150.000.

ADAPTACIÓN DA VIVENDA

Unha cantidade afastada dos 400.000 que solicitaba a defensa da muller, pero limitada precisamente, segundo argumenta a sentenza, porque a condena baséase nunha perda de oportunidade (é dicir, nunha hipótese do que puidese pasar) e porque non se incluíron outros conceptos alleos aos meramente sanitarios, como os derivados da readaptación da vivenda.

Comentarios