domingo. 18.08.2019 |
El tiempo
domingo. 18.08.2019
El tiempo

O TSXG confirma ano e medio de prisión para o xestor que estafou dous hostaleiros

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmou a condena dun ano e nove meses de prisión para un xestor catalán, con iniciais J.A.C.R., acusado de estafar a dous lucenses que pretendían abrir un negocio de hostalería no centro histórico.

Os denunciantes explicaron no xuízo que a principios de 2014 se puxeron de acordo para montar un bar na Rúa da Cruz coa intención de que o explotasen os seus fillos. Como conseguir crédito nos bancos resultaba complicado, un coñecido púxoos en contacto coa empresa do acusado, con sede en Barcelona, que se dedicaba a tramitar préstamos.

Tras manter varias reunións, o xestor comprometeuse a obter unha garantía bancaria que amparase o crédito que solicitaban os lucenses. O acusado díxolles que ía conseguir un crédito de 600.000 euros, a metade para poñer en marcha o negocio e a outra metade para ingresar como aval na conta dunha entidade de crédito. O acusado cobroulles 10.890 euros en concepto de honorarios e as partes asinaron un contrato. Con todo, o home non conseguiu ningún préstamo nin realizou ningunha xestión.

O xestor asegurou que realizou todos os trámites aos que se comprometeu. "Fixéronse xestións con varias entidades e finalmente preautorizouse a garantía bancaria, pero eles nunca me enviaron os documentos e a operación non puido continuar por ese motivo", dixo. Os denunciantes negaron esta versión e o tribunal deulles a razón.

O TSXG confirma ano e medio de prisión para o xestor que estafou...