Trinta anos de fe e independencia

A igrexa das Boas Noticias celebra as súas tres décadas de funcionamento en Lugo, cunha presenza discreta pero á vez intensa
Marcos Zapata. AEP
photo_camera Marcos Zapata. AEP

"Nesta igrexa non aceptamos o diñeiro público". Dio Marcos Zapata, o pastor de Boas Noticias, unha congregación evangélica que este sábado celebra os seus trinta anos de vida en Lugo e que ten unha presenza discreta pero intensa na cidade, onde está á fronte de bo número de proxectos sociais.

Zapata, que é o presidente da Alianza Evangélica Española, "o equivalente á Conferencia Episcopal católica", explica, está detrás do éxito deses trinta anos da congregación. Conta que, con vinte anos e mentres estudaba Maxisterio, tivo "unha experiencia persoal de fe que me transformou". Aquela semente xerminou e naceu un grupo pequeno, con outros estudantes, que se reunía para ler a Biblia e debater. No 89 xa, lanzan unha campaña rechamante, con teatro, música e de predicación. O seu primeiro gran acto foi no Parque e aí naceu Boas Noticias.

A partir de aí xerouse un movemento intenso. A congregación ten uns 400 membros adultos e ten impacto na cidade sobre unhas 5.000 persoas, pero é moi activa e ten fortes lazos no exterior. Tantos que, di Zapata, nestes anos recibiron en Lugo a unhas 10.000 persoas, que pasaron pola igrexa para participar en encontros, congresos... "Hoxe somos, tras a católica, a segunda maioría relixiosa de España", di o pastor lucense.

"Hoxe somos, tras a católica, a segunda maioría relixiosa de España"

A comunidade é moi activa. Hoxe funciona no Hula unha capellanía evangélica con catro capeláns e impártense clases de relixión evangélica en sete colexios e institutos de Lugo. Zapate presume, ademais, de que a comunidade de Lugo foi pioneira en moitos aspectos. "Eu escribín o primeiro programa de traballo con mulleres maltratadas", que foi guía para comunidades de todo o mundo. "Marcou un cambio teolóxico sobre un problema social e saíu de Lugo", destaca.

Presume da independencia da igrexa, porque cre na separación igrexa-Estado. "O que teña unha fe, que a sosteña", di. E vanglóriase o carácter social. "A fe non se pode vivir sen xustiza social", afirma, e destaca que reparten anualmente unhas 300 toneladas de comida entre os máis desfavorecidos.

En materia social, a comunidade destaca por dúas organizacións: Diaconía (que traballa, por exemplo, con refuxiados. Moitos dos chegados a Lugo están baixo a á desa entidade) e Dignidade, que traballa sobre todo na protección de menores.

Diaconía e Dignidade si reciben fondos públicos. "Pero non se trata de asignacións directas. Somos unha asociación máis que presenta proxectos a convocatorias abertas e, se o noso proxecto é seleccionado como o mellor, recibimos o diñeiro", di Zapata.

Comentarios