Triacastela recibirá de Cosmos ao ano 18.000 euros e materiais para obras

Concello e empresa chegan a un acordo pioneiro en máis de tres décadas de extracción mineira
Cementos Cosmos explota desde finales de los años 70 la cantera de caliza situada en Vilavella. AEP
photo_camera Cementos Cosmos explota desde finales de los años 70 la cantera de caliza situada en Vilavella. AEP

A empresa Cementos Cosmos e o Concello de Triacastela asinarán un convenio de colaboración mediante o cal a cementeira achegará cada ano ás arcas municipais 18.000 euros, ademais de entregar 4.000 toneladas de material procedente da súa canteira e destinado a realizar diversas obras neste municipio.

Trátase dun acordo pioneiro que permite compensar en parte a Triacastela pola explotación dos seus recursos, dado que a cementeira extrae calcaria da canteira situada en Vilavella desde finais dos anos 70 do pasado século.

A alcaldesa, Olga Iglesias, destacou a importancia desta medida, froito de longas negociacións e acordada entre ambas as partes, porque «é a primeira vez que se asina un convenio que redunda en todos os veciños do concello nos máis de trinta anos que leva funcionando a canteira».

Ademais, este ano haberá con carácter excepcional unha achega extra de 18.000 euros correspondente a 2014, de modo que o Concello recibirá de Cementos Cosmos a suma de 36.000 euros.

As xestións que derivaron neste acordo comezaron hai meses e motivaron primeiro a elaboración dun borrador que foi levado a un pleno anterior e sobre o cal se puíron algúns detalles. O último trámite tivo lugar onte, xornada na que se celebrou un pleno extraordinario no cal a corporación aprobou -co voto a favor do grupo de goberno do PP e a oposición do PSOE- a firma do convenio, que se fará efectiva en próximos días.

Camiño e Cova Eirós. Cementos Cosmos, propiedade da multinacional Votorantim, rexistrou no Concello de Triacastela os termos do acordo, de modo que tamén son firmes pola súa banda. Segundo recolle o documento, a contribución que fará a empresa enmárcase dentro da súa política social e ten como fin preservar o Camiño de Santiago ao seu paso por este municipio, pór en valor o xacemento de Cova Eirós -situado nas proximidades da canteira e considerado xa un santuario do Paleolítico en Galicia polos importantes achados arqueolóxicos- e contribuír ao desenvolvemento local de Triacastela.

Isto implica que a achega anual de 18.000 euros deberá investirse en melloras do Camiño e núcleos xacobeos, promoción e investigación de Cova Eirós e calquera outra obra en beneficio de Triacastela, apartado este último que contempla un amplo abanico, desde melloras en pistas ata outras infraestruturas.

Pola súa banda, os materiais procedentes da canteira (tanto grava como pedra) servirán para a reparación de varios quilómetros de camiños e para a construción de muros ou outras obras.

Cementos Cosmos xa viña achegando material para realizar algúns traballos en Triacastela, pero será agora por primeira vez cando quede oficializada a cesión e fixadas as cantidades anuais. Con respecto ás achegas económicas, ata a data nunca se produciron.

Comentarios