O tren en Lugo sofre case unha incidencia diaria con consecuencias para pasaxeiros

Do 1 de outubro ao 3 de decembro houbo 77 fallos que afectaron os servizos ferroviarios da provincia. Adif recorda que ten en marcha a adecuación integral da vía e a escaseza de traballadores e de trens é responsabilidade de Renfe
2019121612100411005
photo_camera Tren parado en Monforte por unha avaría o pasado outubro. AEP

Os longos tempos de percorrido, as frecuencias escasas e pouco axustadas ás necesidades dos viaxeiros e a dificultade que existe a miúdo para atopar praza nos trens de Madrid e Barcelona non son os únicos problemas aos que se enfrontan as comunicacións ferroviarias na provincia de Lugo. Os fallos nos servizos, que unhas veces provocan esperas e outras transbordos en bus, son habituais. Segundo o reconto de incidencias que fixo persoal do sector desde o 1 de outubro ata o 3 de decembro a petición deste xornal, producíronse 77 (1 na vía de Feve), o que sae a unha ao día.

Os principais motivos destas incidencias foron, como é habitual, problemas nas locomotoras ou as composicións e falta de persoal e xa que logo responsabilidade de Renfe, aínda que tamén son frecuentes as relacionadas coa vía, que concerne a Adif.

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias afirma que, polo que a el respecta, "o número de incidencias sitúase en niveis similares aos de exercicios anteriores". Atribúeas "fundamentalmente" a invasión do gálibo da vía por vexetación, terra ou pedras, moitas veces provocada por pequenos desprendementos relacionados coas malas condicións meteorolóxicas e coa orografía. Adif recorda que se atopan en fase de contratación (239 millóns) ou redacción (237 millóns) os proxectos de adecuación integral da infraestrutura e vía en todo o traxecto Lugo-Monforte-Ourense, con actuacións xa adxudicadas como reparación de desmontes e de pontes no tramo Monforte-Ourense.

Persoal de Renfe asegura, do mesmo xeito que os sindicatos, que as revisións dos trens atrásanse e que iso provoca máis avarías

O trazado e a antigüidade da vía fan que, en determinadas circunstancias, haxa que limitar a velocidade. Doutra banda, persoal de Renfe cre que o mantemento da vía podería ser mellor. E pon un exemplo: o tren herbicida estivo a actuar recentemente en Galicia. Cumpre unha función fundamental para manter baixo control a vexetación e evitar riscos de incendio, perda das propiedades do balasto, problemas de drenaxe..., pero é rechamante que se aplique herbicida nesta época do ano.

A solución aos problemas de falta de persoal e de material (locomotoras e vagóns), así como de vellez deste último, parece menos canalizada. Renfe convoca ofertas públicas de emprego —este mesmo ano, por exemplo— pero persoal de Galicia quéixase de que un número alto dos novos traballadores son asignados a outras rutas do país. O pasado día 16, o tren hotel de Madrid detívose en San Clodio (Quiroga) porque o maquinista esgotara o seu tempo de condución. En xornada diúrna son oito horas e en nocturna, cinco.

A falta de trens, por avarías ou por outras circunstancias, é outro dos motivos frecuentes de incidencias nos servizos. Nas últimas semanas, moitas locomotoras e vagóns están a pasar as revisións ás que están obrigadas por normativa, como recorda a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria. As Itvs deben facerse cada 5.000 quilómetros, aínda que traballadores do sector aseguran que en ocasións se supera esta cifra por escaseza de persoal no taller. As inspeccións fanse en Ourense, aínda que en Monforte tamén hai taller.

O día 16, o tren hotel de Madrid detívose en San Clodio (Quiroga) porque o maquinista esgotara o seu tempo de condución

MÁIS AVERÍAS. O feito de que as revisións se fagan con menor frecuencia da debida, como tamén denunciou en máis dunha ocasión o sindicato ferroviario CXT, provoca que haxa máis avarías, ao que tamén contribúe a antigüidade dalgúns trens, especialmente os rexionais. "O TRD ten en concreto 52 anos", afirma un traballador de Renfe, que asegura que, por esta razón, é difícil atopar pezas e os arranxos son máis complicados.

A todo o anterior sumar que hai poucas máquinas de reposto para cando se producen avarías ou os trens teñen que ir a revisión. Noutras ocasións, esa escaseza provoca que a formación das composicións se demore e que os viaxeiros sufran as consecuencias.

Os Peares | Desprazamento da vía 
Persoal de Renfe asegura que a precariedade da vía en Lugo é tal que nalgunhas zonas son frecuentes as limitacións de velocidade, por exemplo a 30 nos Peares. A vía está sobre unha falla e tende a tirar cara ao río. "Búscase que a vibración das rodas non afecte á estrutura. Hai trens de mercancías moi pesados". 

Oural 
O túnel (está proxectado outro en paralelo) está obsoleto e se un tren entra rápido afógase cos fumes por falta de respiradeiros.

Comentarios