A trastenda da música de San Froilán

Non hai San Froilán no que o cartel musical non reciba críticas. Este ano comezaron pronto, polo medo ás gaitas do BNG, e non foron a menos cando se ían coñecendo os artistas. A asistencia á maioría dos concertos, favorecida polo bo tempo, amainounas. Pechadas as festas, aí van algunhas claves de como se contratou
Don Patricio, en Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera Don Patricio, en Lugo. XESÚS PONTE

O concello investiu 270.000 euros nos concertos dos tres escenarios principais das festas (Santa María, Horta do Seminario e Soidade), nos que ao longo de nove días houbo medio cento de actuacións. En 2018 foron unhas 30 e sumaron 308.000 euros, segundo lembra a concellería de cultura, agora en mans do BNG. As cifras non inclúen nin as actuacións de rúa nin as organizadas por outras entidades -como os festivais de música tradicional de Traxandaina, Cántigas e Frores e a Asociación de Gaiteiros Galegos- ás que o Concello tamén aporta diñeiro.

Dulce Pontes e Don Patricio foron os concertos máis caros
Dulce Pontes (37.537 euros) e Don Patricio (37.564 euros) foron os concertos máis caros deste San Froilán, segundo informa a concellería. Os que superaron os 15.000 euros debían estar publicados na plataforma de contratación do sector público, aínda que non todos aparecen. En 2018, o Concello pagou 53.240 euros a Hombres G e 50.336 euros a Marky Ramone e Pussy Riots, recorda a edil Maite Ferreiro. "Inicialmente propuxéramonos que ningún concerto superara os 25.000 euros, pero non foi posible para poder chegar a todos os públicos", explica.

O diñeiro non sempre vai vinculado nin á calidade nin ao éxito de público. Algúns dos concertos que mellor resultaron rondaron os 15.000 euros. A contratación de Sés recibiu críticas porque era a terceira vez en seis anos que actuaba en San Froilán, pero o concerto foi un éxito de público e custou 12.100 euros. Moi aplaudido foi tamén Ray Gelato (13.915 euros) e Michelle David & The Gospel Sessions (16.940 euros). Ferreiro ten previsto dar conta de todos os prezos no seo da comisión de festas.

Coidado aos grupos locais e críticas dos que quedaron fóra
Cultura destaca o papel dos grupos locais. Di que se lles deu máis presenza nos escenarios principais -ao haber máis actuacións houbo máis teloneiros-, que se coidaron os escenarios secundarios, como o de Campo Castelo, "que se vestiu", e que se valoraron os cachés. "Non foi iso de és de Lugo, pois hai tanto para ti", explica Anxo Lamelo, que como asesor da concellería de cultura foi unha das persoas que levou boa parte do peso da organización.

Fronte á versión municipal hai voces moi críticas, como a da banda lucense Devandoira, que asegura que se queda sen opcións cada vez que goberna o BNG. Ferreiro asegura que Devandoira non pediu actuar no San Froilán, que se deu prioridade a quen o solicitou e que aínda así se deixou a moitos artistas fóra debido á "avalancha" de peticións. Con todo, non é esta a única entidade do ámbito cultural que manifesta dificultades para simplemente presentar os seus proxectos á concellería de cultura nesta nova etapa.

O Concello traballou con axencias de Lugo e de fóra
Adoita ser un mito iso de quen fai as contratacións do San Froilán, polas relacións existentes nalgunhas ocasións entre os munícipes e algunhas axencias. Lamelo explica que é imposible non recorrer a empresas para facer semellante volume de contratación e máis se non se está "neste mundo, moi alleo aos mortais", bromea. Este ano, o Concello traballou con axencias habituais de Lugo, como Nalgures e Work on Sunday, e con outras de fóra, como Cultura Activa e La Oficina Producións, di. "É curioso, porque viña unha e dicíache que tiña a tal artista en exclusiva. E nos días seguintes viñan outras co mesmo artista supostamente tamén en exclusiva", conta Lamelo. Unha das dificultades deste ano foi a pouca marxe de tempo, xa que o BNG entrou no goberno en xuño. "Hai artistas que teñen as xiras pechadas, ou que xa as deixaron, e outros que só actúan en recintos pechados e con entrada", explica.

A tradición do San Froilán versus a modernidade do Caudal Fest
Os concertos dos tres grandes escenarios, todos gratuítos e durante nove días, custáronlle 270.000 euros ao Concello. Este pon 180.000 euros ao ano para o Caudal Fest, festival de pago de dous días. O éxito de público de ámbalos dous eventos proba que son iniciativas compatibles.

Moqueta negra para Dulce Pontes e fume para Don Patricio
O Concello tivo que atender algunhas peticións de última hora, como unha moqueta negra para o escenario onde actuaba Dulce Pontes. "Pediuna ese mesmo día pola mañá", sinala Lamelo. Outras solicitudes non puideron ser atendidas, como a de fogos artificiais no escenario durante a actuación de Don Patricio. "Pareceunos que poderían supoñer risco e cambiáronse por canóns de fume". Este concerto foi un dos que provocou máis expectación entre o público correspondente, nenos e mozos, e foi necesario reforzar o dispositivo de seguridade na parte traseira do escenario porque había rapazas que querían acceder ao popular músico youtuber. Noutros casos, foron os artistas os que baixaron ao público. Montefusco acabou o concerto con dúas pezas a capela no medio da Praza de Santa María.

Pizza, menú vegano e "viño bo", algunhas peticións dos músicos
O Concello pídelles aos artistas que no caché inclúan os gastos de transporte, aloxamento e restauración, para reducir o traballo de produción. Con todo, ofrécelles un aperitivo de cortesía, no que non entran as peticións concretas. Don Patricio, o artista "estrela" deste ano, pediu pizza e refresco e Laura Lamontagne, que o cátering fora vegano. Unha demanda relativamente frecuente é de "viño bo", sen máis concreción, polo que ás veces non resulta fácil acertar cos gustos dos artistas.

Comentarios