Lugo é a terceira capital de provincia de España co billete de bus máis barato

A área de Mobilidade anima a utilizar a Tarxeta Cidadá, que permite reducir o custo da viaxe

 

Un autobús urbano en Lugo. ARCHIVO
photo_camera Un autobús urbano en Lugo. ARCHIVO

O transporte urbano de Lugo ten o billete ordinario máis barato de Galicia e o terceiro máis económico entre as capitais de provincia de España. Os datos foron presentados este sábado polo tenente de alcalde, Rubén Arroxo, quen salientou que só Ávila e Ceuta teñen prezos por debaixo dos 64 céntimos da capital lucense.

Cidade

Prezo ordinario

Ávila

0,55

Ceuta

0,62

Lugo

0,64

Palencia

0,65

Segovia

0,65

Mallorca

0,80

Teruel

0,83

Ourense

0,85

Zamora

0,90

Soria

0,90

Melilla

0,90

Xaén

1,00

Huesca

1,00

Guadalaxara

1,05

Murcia

1,05

Almería

1,05

Salamanca

1,05

Cáceres

1,10

Albacete

1,10

Cidade Real

1,10

Cádiz

1,10

Huelva

1,10

Santander

1,10

Burgos

1,20

A Coruña

1,20

León

1,20

Badaxoz

1,20

Castellón

1,20

Cuenca

1,20

Oviedo

1,20

Lleida

1,25

Girona

1,25

Córdoba

1,30

Málaga

1,30

Madrid

1,30

Pamplona

1,35

Bilbao

1,35

Vitoria

1,40

Valladolid

1,40

Sevilla

1,40

Toledo

1,40

Zaragoza

1,40

Granada

1,40

Gran Canaria

1,40

Alacant

1,45

Tarragona

1,50

Valencia

1,50

Donostia

1,85

Barcelona

2,40

Tenerife

Segundo Ruta

Lanzarote

Segundo Ruta

Os datos revisados pola área de Mobilidade de Lugo indican, ademais, que o importe ordinario do billete de bus "está por debaixo do prezo reducido en oito cidades de España. E que as bonificacións ás que teñen acceso moitos veciños permiten ter "un bono reducido que se atopa entre os 10 máis baratos do Estado".

Neste contexto, o Concello anima os veciños a apostar pola Tarxeta Cidadá para utilizar o bus urbano, que reduce o prezo do billete de 0,64 euros a 0,45. "Ou incluso 0,31 no caso de ter dereito a algunha bonificación, pagando só 0,19€ se se realiza un transbordo", explica Arroxo.

Para obter a tarxeta cidadá hai que cubrir o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar unha taxa de 3,09 euros nunha oficina de Abanca. Despois debe pedirse cita no número 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será de entre 5 e 60 euros.

CAMBIOS. O Concello salienta que o novo proxecto de mobilidade da cidade está composto por catro grandes liñas que conectarán as zonas norte e sur de Lugo, e dúas máis que comunicarán o leste co oeste. No eixo norte-sur —que inclúe a Avenida da Coruña, a Ronda da Muralla, a avenida Ramón Ferreiro e a Avenida de Madrid, onde se atopa a maior parte da poboación—, operará un bus cunha frecuencia de 10 minutos.

O tenente de alcalde recordou que coas novas liñas tamén entrarán en funcionamento novas pantallas informativas, "que permitirán coñecer o tempo que falta ata a chegada do vindeiro bus". "O seguimento das liñas estará dispoñible para toda a veciñanza a través de aplicacións web", explicou.

O Concello destaca que o Hula gañará conexións con Fontiñas, a zona sur da cidade e a avenida das Américas, "que co modelo actual non teñen transporte directo". "Contaremos con seis liñas que partirán de distintas zonas da cidade e rematarán no Hula, permitindo que a maior parte da veciñanza teña transporte directo ao hospital", dixo Arroxo.