O transporte urbano de Lugo recuperará o martes as frecuencias habituais

Volverán funcionar as seis liñas paralizadas hai dúas semanas
Un autobús urbano de Lugo. EP
photo_camera Un autobús urbano de Lugo. EP

A área de Mobilidade do Concello de Lugo, que dirixe o tenente de alcalde, o nacionalista Rubén Arroxo, anunciou que o transporte público da cidade recuperará a partir deste martes --14 de abril-- as frecuencias habituais. Será coa recuperación das seis liñas (1A, 3, 5, 7, 10 e 12) que foron suprimidas hai dúas semanas.

Arroxo, en declaracións aos medios, pediu "desculpas aos veciños afectados pola suspensión do servizo", como consecuencia do estado de alarma decretado para frear a propagación do coronavirus.

"Desde o principio pensamos que esta suspensión non era necesaria", dixo Arroxo, porque "as persoas que están a utilizar o transporte público é porque realmente necesitan realizar eses desprazamentos".

Tamén recordou que Lugo foi "unha das primeiras cidades en tomar medidas de seguridade no transporte público", dado que días antes de que fose declarado o estado de alarma xa se ditaron pautas para mellorar a protección de condutores e usuarios, como suprimir a entrada pola porta dianteira do vehículo ou clausurar a metade do aforamento dos buses, para incrementar a distancia de separación entre os usuarios.

Comentarios