Detido por vender pastillas de Trankimazin na contorna da Fonte dos Ranchos

A Policía Nacional tamén arrestou a un home na Piringalla por venda de drogas
La zona de la Fonte dos Ranchos. EP
photo_camera Policía en Fonte dous Ranchos nunha opearción anterior. EP

Axentes da Policía Nacional adscritos á Comisaría Provincial de Lugo, encargados das investigacións relativas á saúde pública así como aos delitos relacionados co patrimonio, detiveron a dous homes de mediana idade "con amplos antecedentes" por senllos delitos de tráfico de drogas, reclamación xudicial e furto. 

Así o informou a Policía Nacional, que detallou que un dos detidos foi arrestado durante a investigación dun punto de venda de sustancias estupefacientes na zona da Fonte dos Ranchos, onde os policías observaron que o agora detido realizaba "unha venda de pastillas de Trankimazin a unha compradora". 

Por iso, o vendedor foi detido de forma inmediata e, unha vez en dependencias policiais para realizar o atestado, identificóuselle plenamente e comprobouse a través das bases de datos da Dirección Xeral da Policía de que lle constaba unha requisitoria dun xulgado de Vigo por un roubo con forza. 

No mesmo día foi detido na zona da Piringalla coa Avenida da Coruña outro home por tráfico de drogas, onde se controlaba desde hai unhas semanas "o incremento de actividade de persoas con aspecto toxicómano que deambulaban pola zona, en atención ás demandas veciñais e dos comerciantes", indicou a Policía. A semana pasada foi detido outro home por tráfico de drogas na zona da Medusa. 

Nesta ocasión tratábase de venda de haxix no propio domicilio, ao que acudían os compradores, para facerse coa dose correspondente, polo que, asegura a Policía, "a investigación foi máis complicada de cara a conseguir as probas necesarias que vinculasen ao detido co tráfico de drogas", que finalmente foi interceptado cando realizaba unha venda de haxix, motivo polo que foi arrestado. 

En dependencias policiais instruíuse o atestado, á vez que por parte dos policías encargados da investigación dos delitos contra o patrimonio impútaselle outro feito. 

Neste caso un furto de 800 euros nun bar da capital luguesa o mes pasado, o cal foi esclarecido unha vez analizáronse todas as probas e indicios recollidos no lugar da comisión do delito. Os dous detidos, unha vez foron postos a disposición xudicial, quedaron en liberdade á espera de xuízo.