O tráfico será desviado por Carril dos Indios polas obras da rotonda de San Eufrasio

Arroxo asegura que estará finalizada nun prazo inferior aos seis meses previstos inicialmente
undefined
photo_camera Un accidente no cruzamento. ARQUIVO

Nos próximos días iniciarase a construción da rotonda de San Eufrasio, no cruzamento coa Ronda das Fontiñas. A área de mobilidade e infraestruturas do Concello de Lugo planificou como se desviará o tráfico mentres duren as obras, segundo deu a coñecer este sábado o seu responsable, o tenente de alcalde Rubén Arroxo, quen asegurou que "a rotonda estará rematada nun prazo inferior aos seis meses estimados orixinalmente".

Os vehículos que saian da cidade pola Praza Conde de Fontao cara a San Eufrasio terán que desviarse pola Rúa Castelao, Miguel de Cervantes e Ronda das Fontiñas, accedendo a San Eufrasio polo Carril dos Indios.

Os que entren á capital lucense por San Eufrasio serán desviados polo Carril dos Indios cara á Ronda das Fontiñas.

Rubén Arroxo explicou que esta nova infraestrutura, na que se investirán 107.871 euros, suporá unha mellora "do funcionamento e a seguridade, eliminando uns dos puntos negros máis importantes cos que conta Lugo na actualidade".

O concelleiro nacionalista engadiu ademais que a rotonda "eliminará os distintos xiros á esquerda que se teñen que realizar actualmente, e aumentará a distancia de visibilidade".

O tenente de alcalde aclarou que mentres duren as obras "tanto desde a empresa concesionaria como desde a área de mobilidade tratarase de reducir ao máximo as molestias" que se lles poidan ocasionar aos veciños.

Comentarios