Os traballadores encaran a volta en Lugo con incerteza e máis medidas anti-Covid

Algunhas empresas están a facer test PCR ao persoal e noutras os empregados que se reincorporan tras as vacacións pasan a primeira semana en casa teletraballando para previr contaxios
photo_camera Tráfico no polígono do Ceao, coa actividade case recuperada. XESÚS Ponche

Empresas e traballadores encaran, entre luns e martes, a volta de vacacións cun panorama de incerteza, motivado tanto polo elevado número de contagios que se está producindo actualmente como pola crise económica que se aveciña e polo peche de establecementos de hostalería e a redución de aforamentos en comercios, como consecuencia das restricións sanitarias para conter o Covid-19.

Ás consabidas medidas do uso de máscaras e xel hidroalcohólico ou a instalación de biombos, únense agora outras que as empresas comezaron a aplicar entre os seus traballadores á volta de vacacións. Unha destas medidas é a realización aleatoria de probas PCR entre o persoal, pagadas polas empresas, para detectar o máis pronto posible os casos positivos. Esta é unha práctica que se está levando a cabo, por exemplo, en Recambios Fraín entre os seus 105 traballadores.

"Nós nin pechamos, nin fixemos Erte pero, desde o primeiro momento, tomamos varias medidas que seguimos mantendo como, por exemplo, a desinfección diaria, o uso de máscaras, a utilización de xel hidroalcohólico nas mans, a instalación de pantallas nos mostradores ou o aforamento limitado. ás veces, preséntanse clientes sen máscara. Deste xeito, non lles deixamos entrar. O que facemos, nestes casos, é botar man dunha caixa con máscaras que temos alí. Pero, ademais, desde a semana pasada estamos a facer test PCR aleatorios entre os traballadores. De momento, fixemos catorce e todos foron negativos. Son test que paga a empresa pero é algo que consideramos necesario para protexernos porque dun día para outro isto pódese pór peor", comenta Francisco Dorado, xerente de Recambios Fraín e presidente da Asociación de Empresarios do polígono do Ceao e do parque empresarial As Gándaras.

TELETRABALLO. Outras firmas lucenses, como Cafés Candelas, optan por manter teletraballando durante unha semana aos empregados que se reincorporan de vacacións. Trátase doutra medida preventiva para evitar un posible contaxio. "Nós temos 300 traballadores. Unha parte aínda está en Erte e os que non, colleron as súas vacacións de forma normal. O que estamos a facer nós é que a xente que se reincorpora de vacacións pásese a primeira semana teletraballando desde casa para evitar contaxios. No caso de que non queiran ou non poidan, sométense a unha proba PCR. Aquí, nesta empresa, aínda temos a moita xente teletraballando, hai equipos que non se xuntan nunca e tamén se alternan en días e horas para que non coincidan", explica Ramón Alonso, xerente.

CEL. O presidente da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, observa a actual situación "con certa preocupación" e recorda os distintos convenios que esta entidade asinou con varias empresas para garantir a seguridade sanitaria nos centros de traballo. "Asinamos convenios con Amslab, unha empresa de Lugo pioneira na higienización de locais; co Instituto de Estudos Celulares e Moleculares (ICM), para facer tests PCR, e con Macrocopia, que ofrece prezos máis alcanzables para a compra de equipos informáticos para o teletrabajo", indica o presidente da CEL, Jaime López.

UXT: "É un estado de alarma encuberto"
Normalidade, pero no medio da incerteza. Así se podería resumir o ambiente laboral que se vive na maioría das empresas de Lugo, segundo indica Carlos García, da UXT, que engade que se está vivindo "un estado de alarma encuberto, no que os traballadores están nerviosos e intranquilos", engade.

ERTES. Para Carlos García é moi preocupante a situación dalgúns empleaods en Erte, que reducirán os salarios á metade ao consumir os seis primeiros meses da prestación de desemprego. "Así, un traballador que gañe 1.000 euros, queda con 500 e iso non chega para manter a unha familia", critica.

Comentarios