Touriñán protagoniza unha campaña para evitar o uso do móbil ao volante

Lara Méndez recibiu este venres ao humorista no Concello e recordou que o uso do smartphone é unha das "principais causas de mortalidade" ao volante
Touriñán fue recibido este viernes en el Concello. EP
photo_camera 2019053011260280000

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu este venres no seu despacho do Concello ao humorista galego Xosé Antonio Touriñán, que será a cara visible dunha campaña promovida pola área de Xuventude, dentro do programa +Xti —subvencionado polo Plan Nacional contra as Drogas—, para concienciar aos mozos dos perigos de usar ao móbil á vez que se conduce. 

Na reunión tamén estivo presente o profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Antonio Rial, que participará nos talleres desta mesma campaña. 

A alcaldesa recordou que o uso do "smartphone converteuse nunha das principais causas de mortalidade nas estradas, á altura do exceso de velocidade ou do consumo de alcol", dado que cada ano "o uso indebido do teléfono cando se conduce provoca unhas 400 mortes". 

Precisou, así mesmo, que o perfil do condutor que usa habitualmente o móbil ao volante correspóndese co dun novo de entre 18 e 24 anos, razón pola que a Concellería de Xuventude tomou a decisión de pór en marcha esta campaña dirixida a esa poboación. 

A edil de Xuventude, Ana González Abelleira, recordou que "as distraccións polo uso do móbil non paran de crecer cada ano e están detrás dun de cada tres accidentes de tráfico". 

Para concienciar á xente nova, o Concello de Lugo apostou por Xosé Antonio Touriñán, unha "figura moi recoñecida e querida". 

"Quero agradecer que contásedes comigo para achegar un pequeno gran de area en axudar aos máis novos para que tomen conciencia ao volante", dixo Touriñán. 

"é unha campaña pioneira, que queremos que sexa exemplo de boas prácticas para outros municipios, para traballar, de forma humilde pero decidida, por unha prevención integral, na que participe toda a comunidade", concluíu a concelleira. 

Comentarios