A tormenta deixou en Lugo unha decena de intervencións dos bombeiros

Rayo en Lugo. EP
photo_camera Raio en Lugo. EP

Os bombeiros do Concello de Lugo tiveron que realizar unha decena de intervencións por mor da forte tormenta que descargou este xoves na cidade de Lugo, ao redor das sete da tarde.

En tan só 20 minutos contabilizáronse 12,2 litros por metro cadrado de auga na cidade amurallada, segundo informou Meteogalicia, que tamén contabilizou 522 raios caídos en Galicia durante a xornada, máis de 200 na provincia de Lugo.

Pola súa banda, os bombeiros tivéronse que desprazar a distintos puntos da cidade debido á gran cantidade de auga caída e que provocou varias inundacións nos barrios de San Lázaro, no polígono de  A Louzaneta e nas avenidas da Coruña e Infanta Elena.

Ademais, nos arredores de Lugo a tormenta chegou acompañada dunha forte granizada. Non se rexistraron danos persoais en ningunha das intervencións.

Comentarios