Toni Cantó asegura que C's "é a aposta pola innovación que necesita o sector primario"

O portavoz da formación laranxa na Comisión de Agricultura do Congreso mantivo un encontro en Lugo con gandeiros galegos afectados pola crise do lácteo
Toni Cantó, este sábado en Lugo
photo_camera Toni Cantó, este sábado en Lugo

O deputado de Ciudadanos no Congreso Toni Cantó asegurou que a súa formación é a "aposta pola innovación que necesita o sector primario en Galicia" tras "moitos anos de políticas ineficaces que non deron ás profesionais solucións aos problemas dos diferentes sectores".

Deste xeito pronunciouse Toni Cantó este sábado en Lugo tras reunirse co colectivo Agromuralla e a Asociación de Mulleres Rurais en compañía da candidata de Ciudadanos á Presidencia da Xunta, Cristina Losada.

"O potencial do sector primario en Galicia require que desde as administracións ofrezamos facilidades aos profesionais do sector para impulsar a innovación e a modernización que nos permitan ser competitivos nun mercado global", sinalou o parlamentario. Neste sentido, apostou por coordinar o labor das explotacións lácteas e pediu un Goberno de España "coa fortaleza e o liderado suficientes para defender en Bruxelas os intereses dos nosos gandeiros".

"Se Ciudadanos é decisivo, o próximo Goberno da Xunta deixará de ser un obstáculo e pasará a ser un impulso para a agricultura, a gandería, a pesca e o sector forestal en Galicia", augurou Toni Cantó.

Pola súa banda, Cristina Losada remarcou o compromiso da formación laranxa co sector primario e mostrou a súa confianza en que "políticas de investimento e impulso ben feitas, con seriedade e con participación dos profesionais do sector, permitan aproveitar todo o potencial galego".

Nesta liña, tamén apostou polo sector lácteo "como un elemento que fixa poboación no mundo rural e axuda a loitar contra o drama do despoboamento que sofre Galicia".