Todo o persoal municipal mellorará o seu salario sen aumento do gasto público

O desaxuste entre o persoal e o orzamento facía que quedasen sen gastar máis de 5 millons de euros ao ano
Concentración de trabajadores a favor de la RPT, en abril de 2017. J.VÁZQUEZ
photo_camera Concentración de traballadores a favor da RPT, en abril de 2017. J.VÁZQUEZ

Os sete sindicatos con representación no Concello de Lugo aprobaron este martes por unanimidade a proposta denova relación de postos de traballo (RPT) presentada polo goberno local. Substituirá un documento de 2006, que desde entón só modificouse de forma moi puntual en dúas ou tres ocasións.

¿Por que hai unanimidade?

Unha das claves, aínda que non a única, é que todos os traballadores verán mellorada a súa retribución, algo que coa proposta realizada no anterior mandato non sucedía. Non eran moitos, pero había casos de empregados que perdían diñeiro respecto do que percibían se sumaban a produtividade, partida coa que nesa ocasión xogábase para subir o complemento específico e que agora se desvincula. Outros traballadores melloraban pouco respecto do que vían necesario e algúns colectivos, como bombeiros e Policía Local, percibían un incremento moi notable, sobre todo os axentes. A subida mantense e rolda os 400 euros, aínda que eles redúcena a 230 porque recordan que hai anos, co cambio de grupo, reducíuselles o complemento específico en 123 euros e que agora deixarán de percibir os 10 euros por noite (uns 500 euros ao ano).

¿Como saen as contas?

O goberno local nou deu detalles porque o documento aínda ten que ser informado pola visecretaria e o interventor, pero, segundo a información solicitada, a clave está en que o desaxuste que hai actualmente entre o persoal real e a orzada fai que, por exemplo en 2019, quedasen sen gastar 5,3 millóns do capítulo de persoal.

Mantense a polémica subida da Policía Local, duns 400 euros, aínda que os axentes precisan que o incremento neto é de 230

¿Aumentan as prazas?

Amortízanse postos que xa non existen, en moitos casos por externalización de servizos (limpeza, potabilizadora...) ou cambios no funcionamento e as necesidades dos mesmos, aínda que se crean outros. Con todo, o aumento global non é moi grande porque en moitos casos o que fai a RPT simplemente é recoller os postos dos traballadores que entraron no Concello de forma legal pero sen reflexo na RPT.

'Regularización' de empregados

Outra das claves do apoio sindical está relacionada co anterior. O goberno presentou a RPT como a fórmula para 'regularizar' a situación dos traballadores que están adscritos a postos de forma anómala. ¿Como se fará? Nos casos de adscricións temporais que estean xustificadas pero teñan defectos, corrixiranse. Esta fórmula, a través de comisión de servizo ou adscrición provisional, é para casos puntuais e sempre ten vocación de temporalidade, polo que antes ou despois eses postos deberán convocarse. No resto de casos, os postos terán que saír a concurso.

A RPT preséntase como a fórmula para corrixir a situación dos traballadores que están mal adscritos e cobran anómalamente

Máis xefaturas, máis promoción

Outra das claves do apoio sindical está relacionada co anterior. Créanse máis postos de responsabilidade, como xefaturas de servizo (fomento, cultura, educación, desenvolvemento local, inspección tributaria, tesourería, prevención de riscos laborais...) e de sección (dúas en actas e goberno, entre outras) e adjuntías de servizo (facenda local e infraestruturas, por exemplo). Esta circunstancia suporá oportunidades de promoción.

Cambios na organización: xefaturas de libre designación

Todas as xefaturas de servizo ábrense a funcionarios doutras administracións públicas (ata agora só era a de persoal) e auméntanse as de libre designación. Neste momento son as de medio ambiente e Policía Local e súmanse arquitectura, urbanismo e persoal. é un procedemento que esixe motivación e que noutros concellos está máis estendido. Permite un maior grao de elección por parte do goberno local.

Comentarios