sábado. 26.09.2020 |
El tiempo
sábado. 26.09.2020
El tiempo

A federación veciñal denuncia deficiencias na iluminación pública dos barrios lucenses

Mestre Méndez. EP
Mestre Méndez. EP
O colectivo que preside Jesús Vázquez considera que este problema está a condicionar "a vida cotiá" dos residentes

"E todo a media luz, crepúsculo interior..." , cantaba Carlos Gardel no primeiro terzo do século pasado. No canto de en un piso bonaerense, a historia que conta este tango podería transcorrer nunha infinidade de rúas de Lugo, nas que a tenue iluminación pública anima ao romanticismo.

A federación veciñal de Lugo, que se fixo eco desa deficiente iluminación, presentou este martes un estudo no que denuncia que a sofren máis de medio centenar de vías públicas dunha ducia de barrios da cidade. Advirte de que esta situación propicia "problemas de habitabilidade e seguridade", polo que suscita "preocupación" entre os cidadáns.

O colectivo que preside Jesús Vázquez considera que este problema está condicionando "a vida cotiá" dos lucenses, xa que, ao seu xuízo, "nunca se ten en conta que durante cinco meses do ano as horas de luz son escasas, ademais de que isto se agrava fondamente co mal tempo, a choiva e a néboa".

Esta federación elaborou o estudo a partir das queixas formuladas polas distintas asociacións veciñais que a integran. Entre as deficiencias que detalla figuran "rúas con puntos de luz altos, con moi pouca intensidade e colocados nun só lado dás beirarúas". Apunta tamén que as luminarias son "deficientes, moi mal colocadas e, en practicamente tódolos casos, antigas", que ademais ven tapadas "pola maleza e as árbores".

O barrio das Gándaras é o máis necesitado por número de rúas, case unha vintena

Ante este problema o colectivo urxe ao Concello de Lugo que aumente os puntos de luz nos barrios, substituíndo os farois envellecidos ou obsoletos, limpando os espazos nos que se atopan e recolocándoas.

RUEIRO. O barrio de As Gándaras é o máis necesitado por número de rúas, case unha vintena: Calzada das Gándaras, Monte Pía Páxaro, Camiño Gustavo, Camiño da Igrexa, Camiño Romai, Tres Marías, Águia, Virxe dos Ollos Grandes, Agro Granxeiro, Monte Adairo, Pombo, Peto, Virxe da Soidade, Camiño da Fonte, Cuco, San Xosé e Nogueira.

A relación do estudo confeccionado pola federación veciñal tamén inclúe as rúas Xazmín, Illas Canarias, Couselo, Dólmen e Enebro, en Albeiros; Serra de Meira, Nogueira, Piñeiral, Carballo e Venancio Senra, no Sacro Corazón; Rof Codina, nas Fontiñas; Montirón, no barrio do mesmo nome; Erín, Armórica, Grupo a Paz, Vicente Risco, Pintor Corredoira e Armando Durán, en Fingoi; San Roque, Dinán, Galicia e Mariña Española, en San Roque; Orquídea, Flor de Lirio, Mestre Méndez, Castiro e Oliveira, en Casás; Mazaira e Flor de Lis, no Castiñeiro; Lavandeira, Santo Graal e Mendoeira, na Piringalla; a zona vella e o tramo final da Milagrosa e Doutor Fleming, no centro.

A federación veciñal denuncia deficiencias na iluminación pública...
comentarios