Todo polas atraccións

Asiduos ás festas aplauden a variedade de barracas no recinto, pero critican que as viaxes duren menos os días de maior afluencia e botan de menos os bonos
Jóvenes disfrutan de las atracciones. SEBAS SENANDE
photo_camera Jóvenes disfrutan de las atracciones. SEBAS SENANDE

Lucenses e visitantes continúan gozando estes días das atraccións do recinto feiral, que comezaron a funcionar o pasado martes cunha avalancha de público que puxo de manifesto as ganas de retomar a normalidade e gozar da festa. Desde entón, as barracas tiveron distintos graos de afluencia e os máis asiduos analizaban este sábado a situación con coñecemento de causa.

"Eu vin o primeiro día, o martes 5, e tamén o venres pola noite, e non tivo nada que ver. O festivo", explicaba un mozo, "o recinto estaba a lume de biqueira e as barracas duraban moi pouco. Eu fixen colas de máis de media hora para logo estar apenas un minuto e medio na atracción, así que non compensaba. O venres pola noite todo duraba máis".

A opinión deste lucense era compartida este sábado pola maior parte das persoas que optaron por achegarse ao feiral nos días máis concorridos, quen citan como aspectos negativos as colas eternas e as viaxes fugaces, un tándem que non convence. Con todo, a pesar deste sentir xeneralizado, tampouco faltou quen lle atopaba un lado positivo ao abarrote.

Ver máis: Ata unha hora de cola para acceder a un feiral cheo e baixo vixilancia

"O bo de que haxa tanta xente é que che pasas toda a tarde nas festas e os nenos soamente poden subir en dous ou tres atraccións, polo que gastas menos", chanceaba unha nai. En cuestión de prezos, as barracas son este ano máis baratas, xa que propietarios e Concello chegaron a un acordo para eximir aos primeiros do pago das taxas municipais a cambio de rebaixar os prezos. Deste xeito, entradas que antes custaban tres euros, por exemplo véndense actualmente a 2,50. Con todo, algúns pais aseguran que o aforro é mínimo, xa que apenas hai promocións. "Outros anos había bonos se comprabas tres ou cinco entradas e saíanche bastante económicos. Agora elimináronos en case todas as atraccións e tes que comprar cada entrada solta, así que ao final pagas o mesmo", afirmaba un proxenitor.

Cos seus proles e os seus contras, as atraccións non decepcionaron. "Xa sabes que se vés ao San Froilán haberá moita xente e vas ter que esperar, pero se non houbese xente non sería o San Froilán. Eu levo dez minutos na cola do Gran Prix", comentaba este sábado unha adolescente, "pero non me queixo. ¡Ostras, pero se esta é a cola das patacas fritas...!".

Comentarios