O TXUE recoñece a unha traballadora de Lugo protección especial por lactación

O tribunal europeo avala que esta muller, vixiante nun centro comercial, ten dereito a unha consideración específica por riscos laborais ao traballar de noite e dar o peito ao seu fillo

Sede del Tribunal de Justicia de la Unión Europea, en Luxemburgo. AEP
photo_camera Sede do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, en Luxemburgo. AEP

Unha vixiante de seguridade lucense acaba de sentar un precedente na Xustiza europea, xa que o alto tribunal de Luxemburgo recoñécelle dereito a unha protección especial por riscos laborais ao traballar de noite e dar o peito ao seu fillo.

Isabel González Castro deu a luz a un neno en novembro de 2014, ao que alimentou con lactación natural. A partir de marzo de 2015 reincorporouse ao seu traballo en Prosegur no centro comercial As Termas en quendas rotatorias e variables de 8 horas, polo que pediu unha prestación económica por risco durante a lactación, que non foi aceptada porque a mutua da empresa denegoulle un certificado médico que acreditase riscos no seu traballo para a lactación.

Tomando o exemplo da nai lucense –cuxos avogados presentaron recurso ante o TSXG e este fixo unha consulta prejudicial ás instancias xudiciais europeas–, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) concluíu este martes que as mulleres embarazadas, que deron a luz ou que se atopan en período de lactación cunha quenda de traballo parcialmente en horario nocturno teñen dereito a unha protección específica contra os riscos laborais.

O tribunal di que non se tivo en conta a súa situación individual e presume que puido ser discriminada por razón do seu sexo

A corte analizou o caso desta traballadora lucense, que se atopaba en período de lactación natural con quendas rotatorias, entre eles quendas nocturnas, ás veces incluso traballando en solitario, que intentou obter a suspensión do seu contrato así como unha prestación económica por risco durante esa etapa prevista na normativa española.

O TXUE avaliou o caso conforme á Directiva europea que establece que estas traballadoras teñen dereito a unha protección reforzada e específica contra os riscos que poida levar o traballo que desempeñan.

Determinou que, a pesar de que non sexa o horario laboral completo o que se desempeña pola noite, este debe cualificarse como traballado nocturno.

O tribunal europeo observou que aparentemente esta traballadora, cuxo caso foi levado polo despacho de avogados lucense Cendán e Amarelo, non comportou un exame específico que tivese en conta a súa situación individual e que se presume que sufriu discriminación por sexo.

Corresponderá ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que leva o asunto e presentou varias preguntas prexudiciais á corte comunitaria, comprobar se efectivamente ese foi o caso.

Comentarios