Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

Un tesouro pedagóxico a salvo e á vista no Lucus Augusti

O instituto acaba de culminar a remodelación do seu museo, arquivo e bibliioteca histórica, onde se custodian máis de 3.500 libros, case 2.000 caixas de cocumentación e un catálogo asombroso de recursos didácticos

LUGO. Fai un par de anos, a restauradora Barca Cereijo visitou o soto do IES Lucus Augusti, onde se garda a biblioteca histórica, o arquivo documental e boa parte dos recursos didácticos que se foron acumulando nos 175 anos de existencia do centro. A conservadora fixo unha observación alarmante: de seguir nesas condicións, os libros que alí se gardaban tiñan os días contados. A alerta non caeu en saco roto e algúns dos docentes do centro puxéronse ao choio para lograr unha remodelación que garantise a seguridade e conservación do fondo. Pediron asesoramento e informes e solicitaron axuda á Xefatura Territorial de Consellería de Educación, que destinou ao redor de 50.000 euros para renovar e modernizar as instalacións.

Os froitos desa empresa poden verse xa. As húmidas dependencias do soto convertéronse nunha área de conservación e custodia repartida en tres espazos, seguindo as indicacións da directora do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), Beatriz Seco: unha sala de exposición do patrimonio pedagóxico, un espazo de almacenamento destes fondos e unha zona de arquivo e biblioteca, adaptada ás necesidades dos documentos que se gardan. Agora poden controlarse de forma electrónica as condicións de temperatura e humidade para garantir as condicións óptimas de conservación e o conxunto está protexido cun sistema de seguridade. Ademais, os fondos bibliográficos serán catalogados con cargo á Consellería de Educación e incorporados aos catálogos colectivos do patrimonio bibliográfico e da Rede de Bibliotecas de Galicia.

No arquivo gárdanse, entre outra documentación, expedientes de alumnos e profesores ao longo dos 175 anos de historia do centro, ata un total de 1905 caixas. A biblioteca, doutra banda, alberga máis de 3.700 volumes, os máis antigos do século XVI e XVII.

Este patrimonio bibliográfico e documental estará a disposición dos investigadores unha vez catalogado, e incluso se deixaron un par de mesas preparadas para que poidan traballar. Tamén se pretende, explica o director Juan Carlos Fernández Naveiro, que o museo pedagóxico estea aberto a visitas externas, pero aínda falta definir o protocolo que o permita sen pór en risco a seguridade e o control dos depósitos.

O catálogo de recursos didácticos de que dispón o centro é tan amplo que a exposición non será permanente, senón que irá variando. A sala dividiuse en zonas temáticas, onde se poden ver, agrupados, algúns instrumentos e obxectos que se usaban para ensinar música, óptica, física, química, mecánica, zoología, botánica, anatomía ou xeoloxía, entre outras disciplinas. Algúns deles están expostos nas vitrinas do gabinete médico, onde nos anos sesenta facíanse recoñecementos médicos, algunhas probas e vacinacións. Unha parte da sala destinouse á mostra bibliográfica, que recolle algúns dos exemplares máis antigos do centro, decano dos institutos históricos de Galicia.

Na renovación e mellora do museo, arquivo e biblioteca involucráronse de xeito persoal as docentes Fernanda Marzo, de Lingua e Literatura Española, e María Jesús Méndez, de Bioloxía, co apoio do director, Juan Carlos Fernández Naveiro. Non só buscaron asesoramento e financiamento, senón que se formaron para realizar a limpeza e correcta almacenaxe da fascinante colección de láminas que se utilizaron no gabinete de Historia Natural a finais do século XIX e principios do XX.

Tanto Fernández Naveiro, como Fernanda Marzo e María Jesús Méndez insisten en que a reforma se levou a cabo grazas ao apoio de moitas persoas, como a directora do Mupega; a directora do Museo do Castro de Viladonga, Elena Varela; a directora do Arquivo Histórico Provincial, Dolores Pereira; a xefa do Servizo de Bibliotecas da Xunta, Consolo Meiriño, e o técnico da Biblioteca de Galicia Noelia Bascuas. A todas elas maniféstanlles o seu recoñecemento e dinse debedoras, tamén, dos docentes que ao longo dos 175 anos de historia do centro ocupáronse de gardar, conservar e incluso expor -por todo o edificio hai vitrinas- os fondos que custodia.

Un tesouro pedagóxico a salvo e á vista no Lucus Augusti
Comentarios