Os terreos do Xeral estarán libres en outubro para construír despois unha residencia

Feijóo presenciou este martes o inicio dos traballos de demolición do vello hospital, que se prolongarán dous ou tres meses

Os terreos do vello hospital Xeral de Lugo estarán libres en outubro para que se poida construír unha residencia para maiores con 120 prazas. Así o anunciou este martes o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen asistiu ao comezo dos traballos de demolición deste centro sanitario, que durarán dous ou tres meses. O xefe do Executivo galego dixo que a principios de 2020 poderanse licitar as obras do xeriátrico.

O derrubamento levarano a cabo dous guindastres con brazos duns 40 metros de longo con cizallas xigantes e robots teledirixidos.

Núñez Feijóo tamén anunciou que o Diario Oficial de Galicia publicará este mércores a licitación das obras do centro integral de saúde, o primeiro deste tipo de Galicia, que se situará no antigo Materno-Infantil.

Este inmoble de seis plantas rehabilitarase para acoller un centro de saúde, un PAC, unha base do 061 e unha área de saúde mental. O seu orzamento ascende a 12 millóns de euros.

Nesta parcela tamén se construirá un centro de emprendemento, unha oficina de emprego e unha central de biomasa. Ademais, ofrecerase unha parcela ao Ministerio do Interior para que constrúa unha comisaría da Policía Nacional. Feijóo afirmou que así se vai a construír un novo barrio do século XXI".

Comentarios