Volta ao cole para máis de 20.000 alumnos na provincia

Os 122 centros de Lugo abren un curso marcado polo avance dixital e demoras en reformas
Martina, una lucense que se estrena en el cole de mayores; y Antón y Tiago, dos veteranos de la vuelta al cole. PV
photo_camera Martina, una lucense que se estrena en el cole de mayores; y Antón y Tiago, dos veteranos de la vuelta al cole. PV

Chegou o día para 20.316 alumnos de infantil, primaria e educación especial. Todos collerán este mércores a mochila logo de case tres meses de vacacións e iniciarán un novo curso lectivo marcado pola consolidación do libro dixital en case a metade dos centros educativos da provincia e polas obras de reforma integral en oito colexios e institutos.

As obras só están completamente finalizadas no Ceip Luís Pimentel. No resto de centros, os traballos seguirán nas primeiras semanas de curso lectivo.

Ese atraso nas obras provocou o malestar entre pais e profesores en colexios como o de Cervo ou o de Casás, na capital, que visitou este martes a conselleira de Educación, Carmen Pomar.

A conselleira lanzou unha mensaxe de tranquilidade ás familias e aos equipos docentes ante o inicio do curso e asegurou que as obras pendentes desenvolveranse, en todos os casos, fóra do horario escolar.

Ademais, Pomar defendeu que as obras no colexio de Casás, nas que a Consellería de Educación inviste 732.571 euros, suporán unha mellora das condicións do centro escolar.

O plan de reforma contempla medidas de mellora da eficiencia enerxética, co illamento de tellado e fachada e a colocación de fiestras de aluminio con rotura de ponte térmica. Aforrarase un 68,6% no consumo de enerxía primaria e un 73,5% nas emisións de CO2. 

Pomar di que as obras se farán fóra do horario lectivo e as anpas instan a non ir a clase

A rehabilitación do colexio leva tamén a adaptación do centro a novas necesidades e a mellora de instalacións. Así, no primeiro dos bloques do colexio refórmanse os aseos de profesores, colócase pavimento de linóleo en aulas de infantil e redistribúese a antiga vivenda do conserxe para albergar, entre outras cousas, un local para a Anpa.

No bloque dous do edificio, reformarase o aseo e mellorarase a aula de música, entre outras melloras. No tres, os vestiarios reconverteranse en aseos, incluíndo un accesible. No bloque catro tamén se actuará nos servizos.

Paralelamente, Carmen Pomar animou ao centro a continuar implicándose no desenvolvemento de programas educativos innovadores, como o de introdución á robótica educativa.

Recordou que o ano pasado o centro desenvolveu tamén a primeira liña dos contratos-programa, de reforzo, orientación e apoio (Proa), que busca mellorar as perspectivas escolares do alumnado a través do traballo organizado para a adquisición de destrezas básicas. O centro participa tamén no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares.

A pesar das explicacións da conselleira, os representantes dos pais do colexio de Casás instaron as familias a non levar aos seus fillos a clase "polo menos durante esta semana" porque as obras realizáronse "cunha total e absoluta falta de previsión". Segundo a Anpa de Casás, "o que a conselleira considera pequenos remates implica que os nosos fillos comecen o curso con bloques de aulas pechados e localizacións provisionais".

Os profesores de Casás tamén se queixaron á conselleira das consecuencias do atraso das obras e aseguraron este martes que non puideron organizar adecuadamente o arranque do curso porque moitas aulas non están acondicionadas. A directora, Verónica Eiravella, explicou que os profesores "non tiveron tempo para preparar o material nin ler os expedientes" polos inconvenientes que supoñen as obras.

Na capital, si está todo listo no Luís Pimentel. "Está todo en perfecto funcionamento e as aulas preparadas", asegurou a directora, Teresa Trigo.

PROVINCIA. No colexio Santa María da Fonsagrada, pola súa banda, o curso poderá arrincar con normalidade, aínda que a súa directora, Concepción Eiras, cre que o centro non estará listo "antes dun mes". Unha situación parecida á que se vive no CPI Ramón Piñeiro de Láncara, onde o seu responsable, Carlos Carballo, asegura que as obras "están ao 80 por cento".

Na Mariña, só o Virxe do Carme de Burela arrincará con normalidade. As obras no Ceip Número 1 de Foz e no Ceip de Cervo serán a imaxe habitual durante as primeiras semanas do curso. En Cervo, de feito, os pais aseguraron que non levarán este mércores aos nenos a clase e en Foz dixeron que só os deixarán entrar se comproban que o colexio reúne condicións.

O curso en cifras
En Lugo, a maioría de alumnos irán a centros públicos. En infantil serán 4.676 alumnos en colexios da Xunta, 1.635 en concertados e 89 en privados. En primaria, 10.162 nenos irán a colexios públicos e 4.342 a concertados.

Outros acentos
Haberá 643 alumnos estranxeiros nas aulas lucenses. A cifra crece lixeiramente respecto ao ano pasado, cando os escolares sen nacionalidade española foron 603.

Educación especial
Nas aulas de educación especial haberá este curso 88 nenos, 12 deles en centros concertados.

Comentarios