Tellado, sobre Carballo: "Din que sería o Orozco do PP... pero sería mellor"

O secretario xeral do PPdeG, aínda que se declara neutral, valora positivamente a opción de que o actual subdelegado do Goberno lidere o PP de Lugo: "Ten unha traxectoria intachable"
Ramón Carballo
photo_camera Ramón Carballo

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, reiterou que os populares galegos teñen a vista posta nas eleccións municipais de 2019 co obxectivo de ser alternativa de goberno naquelas cidades que perderon hai dous anos. Para iso, apostou, tal e como defendeu noutras ocasións, por "renovar equipos e liderados".

Nunha entrevista en Radio Galega, Tellado, como secretario xeral do PPdGe, declarouse neutral ao redor de quen debería liderar o PP de Lugo. Con todo, valoraría que Ramón Carballo, subdelegado do Goberno na provincia, dese o paso e liderase o PP da Cidade Amurallada: "É un dos nomes que está a soar. Creo que é unha persoa que ten unha traxectoria política e profesional intachable. Desde logo é unha persoa moi respectada na cidade".

A continuación, asegurou que "hai quen di que Ramón Carballo sería o Orozco (exalcalde socialista de Lugo) do PP": "Pero eu creo que sería mellor que Orozco sen dúbida". En todos caso, recordou, o congreso aínda non está convocado, e correspóndelle a el, engadiu, tomar a decisión de se se presenta ou non. No entanto, a xuízo do secretario xeral do PPdeG trátase de "unha persoa que aglutina á maioría do partido e que sería un bo líder".

REY VARELA. Miguel Tellado tamén abriu a porta ao regreso do conselleiro José Manuel Rey Varela a Ferrol: "José Manuel Rey foi o mellor alcalde que tivo nunca Ferrol, e eu, que vivo nesa cidade, o que me atopo no día a día é que hai moita xente que pide que José Manuel Rey volva, e que volva porque a situación de parálise e caos que vive a cidade é absoluta".

Nesta mesma liña, pero en relación ao congreso local da Coruña, subliñou que a conselleira Beatriz Mato, que presentou esta semana a súa candidatura para presidir o PP na cidade herculina, ten unha "bagaxe moi importante", así como "peso político".

Noutra orde de cousas, Tellado criticou ao alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, quen, en opinión do político popular, converteuse "nunha mala caricatura de si mesmo".

Comentarios