Un teito para estudar

Atopar aloxamento nunha cidade universitaria é case tan complicado como conseguir un título. Lugo non é unha excepción.
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Escaparate dunha inmobiliaria próxima ao campus de Lugo. XESÚS PONTE

As alarmas saltaron cando os alumnos do programa Erasmus que deben estudar este curso en Italia denunciaron que estaban durmindo na rúa porque non daban atopado aloxamento. Algúns foran estafados e marcharan pensando que un cuarto os agardaba, pero finalmente nin había piso nin rastro da fianza que pagaran por el. Outros fóronse sabendo que non tiñan teito, tras meses de procura infrutuosa e coa esperanza de atopalo ao chegar ao destino. Acabaron en hostais, en hoteis, de acampada ou durmindo nas estacións. 

Realmente, non había sitio para eles. Moitos regresaron ás súas casas e perderán o curso porque a súa facultade está en Italia. Outros aínda seguen buscando teito mentres pagan sumas elevadísimas por durmir en aloxamentos turísticos.

Esta situación extrema chamou a atención sobre un problema que vén sendo habitual en todas as cidades con campus universitario: a dificultade que teñen os estudantes para atopar casa. 

No caso de Italia, a escaseza de pisos agravouse pola fraude e pola picaresca de quen quere aproveitar a situación desesperada dos mozos que buscan aloxamento contra o reloxo. Isto non acontece en Lugo, pero aquí tampouco resulta doado para un universitario atopar piso ao seu xeito.

Estudantes e xestores inmobiliarios coinciden en que a oferta de pisos para alugar é reducida. Ademais, non todos os propietarios de inmobles aceptan universitarios porque non queren perder as rendas dos meses do verán. Prefiren contratos de vivenda habitual que lles aseguren uns ingresos fixos todo o ano. 

Os rapaces atópanse tamén con outro inconveniente: o campus de Lugo está rodeado pola zona residencial cos alugueiros máis caros de toda a cidade. Pero isto tamén ten unha parte favorable: os edificios son de recente construción e a calidade dos pisos é boa. Son vivendas habitualmente novas, en boas condicións e coas comodidades propias dun barrio en expansión. Esta característica fai que sexa unha zona moi demandada tamén polas familias que procuran vivenda habitual.

Aínda así, non hai ningún estudante lucense durmindo na rúa nin na estación de autobuses. Todos teñen teito, pero a moitos custoulles meses de busca, moita travesía polas redes sociais, renunciar a preferencias e gustos e pagar máis do que esperaban.

Elena Pérez Cid, de Fincas Lugo. AEP
Elena Pérez Cid, de Fincas Lugo. AEP

INMOBILIARIAS. Elena Pérez Cid traballa en Fincas Lugo, unha inmobiliaria moi cercana ao campus, e atende moitísimas chamadas de estudantes na procura de aloxamento.

Ten constatado que os alumnos de primeiro curso son os que maior problema teñen para atopar porque chegan a Lugo sen contacto con outros compañeiros, teñen que buscar pisos para eles sós e canto máis cerca da facultade, mellor. "Estudios dunha habitación hai moi poucos, baratos non son e en maio ou xuño xa non quedan", apunta.

Cando xa non é o primeiro ano na cidade, os rapaces apalabran os pisos dun curso para outro, coñecen posibles compañeiros para compartir, zonas próximas ou ben comunicadas co campus onde buscar e xa deixan os pisos contratados antes de marchar no verán. "En Fincas Lugo igual temos alugado 70 ou 80 pisos, pero dun ano para outro xa quedan comprometidos. Para este curso debimos xestionar entre maio e xuño uns seis pisos que quedaron libres, o resto xa pasou duns inquilinos a outros", explica.

Para os donos de pisos ten máis beneficios un contrato de vivenda habitual

Elena Pérez afirma que "en Lugo hai pouca oferta de inmobles para alugar e os propietarios prefiren un contrato de vivenda habitual antes ca un alugamento temporal. Para os donos ten máis beneficios un contrato para todo o ano, tanto en termos fiscais como de ingresos porque os estudantes no verán non pagan".

Tamén resulta máis doado xestionar un alugamento de vivenda habitual. "Os inquilinos estables domicilian os pagos das facturas e o propietario desenténdese diso. Cos universitarios non é así. Hai que cobrarlles cada mes a luz, a auga... e se son varios dividir en partes. Dá máis traballo".

Este non é un problema específico dos estudantes, senon de calquera persoa que precise alugar unha vivenda durante un tempo inferior a un ano. "Pasa igual cos profesores, as enfermeiras que veñen facer prácticas ao Hula ou calquera persoa que teña un traballo temporal", explica Elena Pérez.

O problema non é só dos estudantes, senón de calquera que veña por uns meses a Lugo

Os estudantes atópanse coa complicación engadida de que os barrios próximos ao campus son de carácter residencial. "É a zona máis cara de Lugo. Os rapaces queren pagar uns 150 euros por persoa, pero é inviable. Non hai un piso para dous por 300 euros en Augas Férreas".

Isto fai que moitos opten por barrios limítrofes, como as zonas das Fontiñas, Montirón, San Roque, Ramón Ferreiro ou Marina Española. Os que necesiten aforrar aínda máis no aloxamento terán que encomendarse á rede de autobuses urbanos e buscar vivenda en barrios alonxados do campus, que poden resultar máis económicos.

En opinión de Elena Pérez, tamén faltan prazas en residencias universitarias. "É un recurso habitual para os alumnos de primeiro ano, que veñen sen coñecer ninguén e non teñen fácil atopar con quen compartir piso. Pero as prazas das residencias cúbrense moi axiña e non chegan para todas as solicitudes", apunta.

En Lugo funciona a residencia Bal y Gay, xestionada pola USC; a LUG I, que depende da Xunta e tamén acolle estudantes de ciclos formativos, e a Abeiro, de titularidade privada.

INFORMACIÓN. Chus Varela, da oficina de información da Universidade de Santiago de Compostela  no campus de Lugo, explica que a residencia universitaria Bal y Gay, que xestiona a USC, reserva prazas para os alumnos de intercambio, cunha convocatoria específica para eles no verán. Aínda así, recoñece que "hai que buscar aloxamento con tempo porque se chegara alguén hoxe non habería onde metelo".

As redes sociais axudan na busca. Hai foros específicos do campus de Lugo

Explica que os estudantes xa saben que deben reservar con antelación, pero tamén ten constatado que non todos o fan. "Ás veces chega algún á oficina de información directamente desde a estación de autobuses, cunha maleta e preguntando por pisos para alugar. Ese habitualmente acaba nun hostal", comenta.

Tamén teñen un problema engadido os estudantes de intercambio que se incorporan en febreiro porque "se en setembro non hai prazas menos van quedar a mediados de curso". Neste caso, o mellor que lles pode pasar é contactar con alguén que remate a estadía en Lugo nese mesmo momento.

Hai que buscar con tempo porque se chegara alguén hoxe non habería onde metelo

Nos últimos tempos, as redes sociais simplifican o labor de busca. O Instagram e o Facebook supliron os tradicionais taboleiros de anuncios e hai foros nos que a comunidade universitaria comparte ofertas e demandas de aloxamento. "Hai anuncios tanto dos que buscan piso como dos que ofrecen algún cuarto que lles queda libre. Os estudantes móvense moi ben nas redes e iso axúdalles neste labor", explica.

Sara Jaureguizar
Sara Jaureguizar, estudante lucense en Bolonia.

EN BOLONIA. Foi o caso de Sara Jaureguizar para buscar piso en Bolonia. Empezou en febreiro, cando soubo que este curso tería unha bolsa Erasmus para estudar en Italia. A súa primeira opción foron os portais inmobiliarios, "pero no veíamos mucha oferta. Algo sí había, pero nada que nos llamara la atención y nos parecía un poco pronto para coger cualquier piso".

En abril comezou a buscar máis en serio, coa axuda doutra compañeira que tamén tiña o mesmo destino. "Encontramos un piso que estaba bien, con un precio normal. Intentamos contactar con el casero, buscamos fotos para ver cómo era el piso y descubrimos que estaba en Arizona, en Estados Unidos. Ya nos habían advertido de que había timos, pero desde ese momento tuvimos más cuidado", explica Sara Jaureguizar.

As redes sociais funcionan activamente no mercado inmobiliario italiano. "Hay grupos de Facebook donde la gente oferta y busca alojamiento, pero la información no es muy fiable. Sobre todo encontramos habitaciones sueltas y nosotras buscábamos un piso completo porque queríamos escoger con quién compartirlo", comenta.

En Italia hay gente pagando mil euros al mes por una cama compartida

O tempo corría e despois dos exames de maio a procura intensificouse. "Hablamos con mil caseros, mandábamos diez correos al día". Ata que deron cun número de teléfono que lles abriu a porta da súa actual casa. "Lo que se estila en Bolonia es que los estudiantes se pasan números de caseros que no tienen página web ni otro medio de contacto. Por ejemplo, diez personas pueden gestionar unos 70 pisos en Bolonia".

En xullo, esta universitaria lucense apalabrou un piso para sete persoas. Non tivo problema para atopar compañeiras para compartilo. "Hay tres habitaciones individuales que cuestan 500 euros y dos compartidas en las que cada persona paga 375. Al principio nos pareció una burrada, pero ahora vemos que es poco para lo que hay. Tuvimos suerte". Iso si, tiveron que pagar a renda incluso nos meses de verán, aínda que non fixeron uso do piso ata setembro.

Intentamos alquilar un piso en Bolonia y descubrimos que estaba en Arizona

Sara Jaureguizar confirma que a estas alturas aínda hai estudantes de Erasmus sen aloxamento. Algúns regresaron aos seus lugares de orixe e perderán o curso porque só están matriculados en universidades italianas. Outros seguen á espera dun golpe de sorte ou aceptaron condicións indecentes. "Ayer conocí a una chica que está en un piso ilegal, sin contrato, pagando todo en negro, con camas enanas y compartiendo con diez personas", relata, pero non é nin sequera o peor dos casos. "Otro chico, también ayer, me contó que está pagando mil euros al mes por una cama compartida en un alojamiento de Airbnb. Está esperando por una residencia que supuestamente abre en octubre, aunque no dejan de retrasar la apertura".

ESTUDANTES DE LUGO. A Universidade de Santiago de Compostela, da que depende o campus de Lugo, asegura que todos os seus estudantes que tiñan Italia como destino atoparon aloxamento e que ningún tivo que regresar por ese motivo.
 
Aínda que así sexa, o que este curso saíu á luz en Italia non é novo e hai que telo en conta para o futuro. Aconsellan previsión e moita precaución á hora de buscar aloxamento.

Comentarios