Substancial rebaixa de penas para nove lucenses acusados de vender heroína

Chegaron a un acordo coa Fiscalía, que recoñece atenuantes
Audiencia de Lugo. AEP
photo_camera Audiencia de Lugo. AEP

O xuízo que estaba previsto que se celebrase en dúas xornadas, este martes e mércores, na Audiencia Provincial contra un grupo de lucenses que se dedicaba traficar con heroína e haxix será máis breve do esperado. Os nove acusados chegaron a un acordo previo coa Fiscalía que lles rebaixará substancialmente as penas ás que se expuñan, entre cinco e seis anos de prisión.

Segundo puido confirmar este diario, a Fiscalía aceptou retirar a acusación contra tres das mulleres procesadas. Os outros seis investigados aceptaron declararse culpables e será condenados a un ano e medio de prisión, cinco deles, e a un ano e nove meses o outro, para o que se pedía seis anos. Ademais, o acordo leva aparellada a suspensión da entrada no cárcere.

A Fiscalía recoñeceu para esta rebaixa dúas atenuantes: unha por dilacións indebidas, xa que a instrución permaneceu varios anos paralizada sen xustificación, e outra pola adicción ás drogas dos acusados. Este acordo presentarase este martes na vista oral ante a Audiencia Provincial, que deberá ratificalo.

A investigación foi desenvolvida pola Policía Nacional, baixo a dirección do xulgado de Instrución 1, desde xullo de 2013 e prolongouse varios meses, con seguimentos e detencións. Incautáronselles ao redor de cen gramos de heroína, que compraban en Ferrol.