A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, prometeu que o dobre crime do Cash Record —no polígono industrial do Ceao— "non vai quedar no esquecemento" logo de case 25 anos sen resolverse. Nunha entrevista á Cadena Ser, Rodríguez asegurou que "a Policía vai seguir investigando". "Eu estou á corrente de que se siga investigando. Nese sentido non podo contar máis", expresou, dado o segredo das actuacións por parte do Xulgado de Primeira Instancia Número 1 que leva a investigación.
O 30 de abril de 1994 cumpríronse 24 anos deste dobre crime no que o autor ou autores levaron tamén un botín de cinco millóns das antigas pesetas —30 mil euros—. Os cadáveres da caixeira Elena López e do reponedor Esteban Carballedo foron achados pola irmá da primeira, Isabel, que abandera as protestas e mobilizacións para dar co autor ou autores, que puideron empregar unha arma (pistola) que utilizaban as forzas e corpos de seguridade do Estado e para acabar coa vida destas dúas persoas.
O principal sospeitoso é un hostaleiro que tiña un negocio na zona vella de Lugo no momento dos feitos e que agora reside en Burgos. Así, a subdelegada do goberno afirmou que "as forzas e corpos de seguridade do Estado están a tratalo de resolver", polo que espera "que sexa o máis pronto posible": "Polas familias dos afectados, principalmente, e por nós tamén".
Isabel Rodríguez xa rexistrou a renuncia á acta de concelleira no Concello de Viveiro, onde levaba como edil socialista 22 anos logo de entrar da man do falecido Melchor Roel. No pleno de agosto xa será oficial a súa renuncia.