A subdelegada do Goberno acusa ao PP de pasar "unha década boicoteando" a Lugo

Isabel Rodríguez cre que Ramón Carballo pide agora a Sánchez o que non demandou a Rajoy

Isabel Rodríguez. EP
photo_camera Isabel Rodríguez. EP

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, acusou ao candidato do Partido Popular á Alcaldía da capital lucense, Ramón Carballo, que foi o seu antecesor no cargo durante os mandatos de Mariano de Rajoy, de esixirlle agora ao Executivo de Pedro Sánchez que faga o que o PP se pasou "case unha década boicoteando".

Rodríguez fixo estas declaracións despois de que este luns o candidato do PP presentase un “decálogo” de supostos incumprimentos do Goberno de Pedro Sánchez coa cidade e a provincia de Lugo durante os nove meses de xestión do Executivo socialista.

A Subdelegada preguntoulle a Ramón Carballo “onde estaba cando o seu partido maltratou a Lugo” e que fixo “para impedir que o Partido Popular torpedease proxectos como a intermodal”, ao deixar nun caixón todo o traballo que deixara feito o ministro José Blanco no ano 2011.

“Onde se agachou cando o seu Goberno se negaba a inspeccionar a Ponte Branca”, insistiu Rodríguez, en referencia á negativa de Fomento a supervisar a nova ponte sobre o río Miño.

“Recoméndolle ao candidato Carballo que sexa menos atrevido. Despois de facerlle perder sete anos a Lugo, hai que ser ben atrevido para sacar peito diante dos cidadáns”, conclúe.

Comentarios