viernes. 14.08.2020 |
El tiempo
viernes. 14.08.2020
El tiempo

Dolores Fernández Tilve: "A sociedade non entende en que condicións chegan os refuxiados a Europa"

Dolores Fernández Tilve
Dolores Fernández Tilve

A profesora de Ciencias da Educación Dolores Fernández Tilve é organizadora, xunto coa docente da Uned Pilar Quicios, do I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa, que se desenvolverá esta semana na facultade de Humanidades, con presenza de investigadores, representantes de embaixadas e altos cargos.

Cal é o obxectivo deste primero congreso?

A profesora Pilar Quicios, da Uned, e eu levabamos un tempo reflexionando sobre esta problemática de grande calado social. Démonos conta de que a segunda década do século XXI vaise caracterizar pola mobilidade poboacional. A coxuntura económica, as crises humanitarias e ambientais, as guerras, o cambio climático ou a mobilidade laboral producen estes desprazamentos, que veñen a provocar riscos socioeducativos emexentes e que, si ou si, temos que atendelos. Entón quixemos poñer en marcha este congreso e marcámonos tres grandes obxectivos: analizar a situación do migrante e refuxiado hoxe en Europa, amosar a reposta política e socioeducativa que se lle está dando e porque é esta e non outra, e sensibilizar sobre a necesidade de formarnos tecnicamente para atender a estes colectivos, tanto desde o punto de vista da prevención como da xestión.

"Os desprazamentos veñen a provocar riscos socioeducativos emerxentes que, si ou si, temos que atendelos"

Por que se organiza no Campus Terra?

Decidimos traelo a Galicia porque a sociedade española, e sobre todo a sociedade galega, dende finais do século XVIII caracterizouse por unhas correntes migratorias e temos unha poboación que sufriu esta problemática. Traer este congreso a Galicia parecíanos importante. E quixemos traelo ao Campus Terra para demostrar que está preparado para acoller un evento destas características. Faise na facultade de Humanidades porque cremos que esta problemática hai que abordala desde unha perspectiva multidisciplinar, e que mellor centro que este, que é un centro multidisciplinar con moi boas instalacións. O congreso está promovido pola Uned e convidou á USC. Xenerosamente cedeunos o papel de anfitrión, aínda que había outras universidades españolas interesadas en acoller este evento.

A quen lle pode interesar este congreso?

Como a problemática debe ser abordada dende unha perspectiva multidisciplinar, todos directa ou indirectamente imos traballar con estes colectivos vulnerables e podemos estar interesados neste foro. Educadores sociais, avogados, médicos, psicólogos, mestres, traballadores de servizos sociais, estudantes de ciencias sociais, xurídicas e da saúde, forzas de seguridade... De feito, temos unha matrícula importante.

A grave crise que se está desenvolvendo no Mediterráneo vai estar presente no congreso?

Certamente. Hai un tempo as políticas de Europa eran outras. Houbo un cambio de directrices e o que provocou foi que estes riscos socioeducativos se agudizaran e que esteamos ante unha crise sen precedentes en Europa. Por iso quixemos analizalo desde o campo da acción social e da resposta que está dando Europa, con investigadores, un alto comisionado de Estrasburgo e representantes de distintas embaixadas. Preocúpanos a resposta que está dando Europa a estes colectivos vulnerables. Están chegando miles de refuxiados, entres eles menores que están nunha situación de exclusión social e educativa sen precedente en Europa, que chegan moitas veces sós, nunha situación de vulnerabilidade máxima. Europa non lles está dando unha resposta inclusiva, senón todo o contrario. Parece que a sociedade europea, española e galega non entende en que condicións chegan estes refuxiados. Parece importante precisar que non é o mesmo unha persoa que está na condición de migrante que unha persoa que está na condición de refuxiado. Un migrante decide voluntariamente abandoar o seu país para buscar unha vida mellor, mentres que un refuxiado vese obrigado porque a súa vida e a da súa familia corre perigo. Fuxe do medo, do terror e busca amparo. Hai unha confusión e falta de información e cando chegan refuxiados prodúcese un rechazo a eses colectivos vulnerables porque non se está entendendo de que estamos a falar.

"Europa non lle dá unha resposta inclusiva aos refuxiados en situación de máxima vulnerabilidade"

Tamén moitas veces hai un choque de culturas. No programa faise moito fincapé na mediación cultural. É importante para axudar nesta situación?

Temos que entender que a sociedade europea é multicultural e iso implica aceptar as culturas diversas. Para iso é necesario prepararnos e por iso é importante a presenza de estudantes para que tomen conciencia desta realidade. Estamos condenados a entendernos, a respetarnos, a ofrecer axuda e esa multiculturalidade é riqueza e oportunidade para a sociedade. Preocúpannos fenómenos que se están dando na sociedade, como os comentarios que xorden nas redes sociais a raíz da difusión deste congreso, onde aparecen comentarios xenófobos e aparecen actitudes de rexeitamento a culturas diversas. Hai que entender que hai que convivir con outras culturas e traballar a multiculturalidade dende a escola.

Tamén terán o relato dun refuxiado sirio.

Quixemos darlle voz a un refuxiado sirio que vai contar o seu drama persoal, un relato que non vai deixar indiferente a ninguén. Vai traer a voz de miles de refuxiados como el. A súa familia está espallada por todo o mundo. Estuda Medicina na USC e pediu asilo. Espero que o seu relato remova conciencias e axude a cambiar actitudes.

Dolores Fernández Tilve: "A sociedade non entende en que condicións...
comentarios