Socialistas de Lugo: "O arquivo do caso Garañón é unha enorme satisfacción"

A formación lamenta o "dano político e profesional inflixido a dous servidores públicos impecables"

Orozco y Besteiro. AEP
photo_camera Orozco e Besteiro. AEP

A Secretaria Provincial do PSdeG-PSOE de Lugo emitiu un comunicado no que afirma que "por fin se fixo xustiza" co arquivo do chamado caso Garañón por parte da Audiencia Provincial de Lugo, no que figuraban como investigados o exalcalde da capital lucense José López Orozco e quen fora presidente da Deputación e secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro.

"O arquivo da causa", engade ese comunicado, é "unha enorme satisfacción para todos os socialistas de Galicia, pero o é dunha forma máis especial se cabe para os socialistas da provincia de Lugo".

O PSdeG de Lugo afirma que o arquivo da causa demostra que "as denuncias eran completamente infundadas" e pon "ao descuberto a quen durante estes anos intentou sacar rédito político" do proceso xudicial, "cuestionando a xestión do socialismo no Concello" e usando o "nome das persoas inxustamente implicadas".

 

"Este arquivo debe facernos reflexionar, tras varios anos de acusacións infundadas e de dano político e profesional inflixido a dous servidores públicos impecables", engade.

Ademais, os socialistas lucenses envíanlle "un abrazo moi afectuoso" tanto a López Orozco como a Gómez Besteiro, quen "fixeron un espléndido traballo en Concello".

"Sempre tiveron o noso recoñecemento e, tras anos de inxustas acusacións, por fin a súa imaxe quedou reparada", sosteñen.

"Sodes un orgullo para todas e todos os socialistas", conclúe o escrito.

Comentarios