Sobreseída a acusación contra López Orozco polo caso da fábrica da luz

O xuíz tamén arquiva respecto de Dopeso, Liñares, García Gesto e un técnico municipal. Non aprecia delito nin nesta adxudicación nin na da publicidade dos autobuses urbanosg
Orozco y su abogado salen de los juzgados después de una de sus comparecencias
photo_camera Orozco y su abogado salen de los juzgados después de una de sus comparecencias

O xuíz José Luís Deaño, maxistrado de apoio do xulgado de instrución 1, deu carpetazo a unha das principais pezas da operación Pokemon relacionadas con Lugo, a da adxudicación do contrato da fábrica da luz. Así, ditou o sobresemento libre para os cinco investigados: o exalcalde José López Orozco, o exedil Lino González Dopeso, o xefe dos servizos electromecánicos Miguel Ángel Negral e os dous principais implicados, Francisco Fernández Liñares e Miguel García Gesto.

Nesta peza ventilábanse ademais as sospeitas sobre outras dúas concesións: a adxudicación a Artenosa -empresa de Gesto e Liñares- da publicidade dos autobuses urbanos e os supostos intentos de favorecer a outra firma relacionada con eles, Advanza, no contrato do transporte urbano. En ningún dos casos atopouse o máis mínimo indicio de comisión de delito.

A operación Pokemon iniciouna en 2011 a xuíza Pilar de Lara. Dous anos despois, tras un enfrontamento rueiro con Miguel García Gesto, a maxistrada inhibiuse en todo o referente a este investigado, polo que se formou a actual peza que agora agora se sustanciou.

Nun extenso auto de 25 páxinas, o xuíz Deaño repasa un por un todos os detalles que estaban baixo sospeita nos procesos de adxudicación dos contratos sinalados, e pon as probas e testemuños solicitados en relación coas acusacións contidas nos informes dos axentes de Vixilancia Aduaneira que motivaron as imputacións. O maxistrado conclúe que ditas acusacións "son meras conxecturas carentes do máis mínimo indicio", que chega a cualificar como "un brinde ao sol".

Así, non só descarta que houbese ilegalidades nos procesos de adxudicación, senón que non atopa nin sequera irregularidades administrativas. De feito, pon de relevo que o Concello incluso se decantou en todos os casos polo procedemento de concurso aberto, a fórmula máis transparente das que podía elixir, e que en todo momento da tramitación se cumpriu coa normativa.

Non ve na proximidade entre Orozco e Liñares nada que se afaste dunha relación normal entre compañeiros de corporación

Con respecto ao papel que puido xogar Orozco, non aprecia no seu comportamento nada que se afaste dunha "relación de proximidade co señor Liñares, circunstancia polo demais normal vista a condición de compañeiro de corporación". "Todo iso sen prexuízo do que poida resultar na causa principal da que este procedemento deriva", engade, sabedor de que o exalcalde mantén outras imputacións noutras pezas da Pokemon.


Con respecto a Lino González Dopeso, limita a súa presenza en todo esta causa a que asinou as actas cando era secretario da xunta de goberno local.


Negral, pola súa banda, acabou imputado como autor de dous informes sobre a fábrica da luz, nos que recomendaba que se deixase cambiar as turbinas e apostaba pola adxudicación a unha empresa como mellor fórmula de explotación. Son para o xuíz "informes perfectamente razoados e coherentes" dos que non se pode deducir que tratase de beneficiar a ningunha empresa.


Respecto dos pregos para adxudicar o transporte urbano, o xuíz destaca que nin sequera se chegaron a tramitar.


A pesar de que Francisco Fernández Liñares e Miguel García Gesto líbranse nesta peza das acusacións polos procesos de adxudicación, non saen nin moito menos indemnes. O xuíz José Luís Deaño considera que hai suficientes indicios como para continuar a causa contra eles por suborno e branqueo de capitais, Para o exconcelleiro suma ademais o delito de negociacións prohibidas a funcionarios.


Respecto ao suborno, o auto xudicial detalla como García Gesto regalou a Liñares un Rolex valorado en 4.000 euros. Con todo, este decidiu cambialo por outro da mesma marca pero de señora, que regalou á súa esposa.


Ademais, ambos asinaron un contrato privado polo que Gesto cedía a Liñares o 20% dos beneficios e rendementos netos que xerase a empresa que Gesto creara, xunto con Inca, para xestionar a fábrica da luz.


Este delito de suborno e o de negociación prohibida a funcionario trataranse noutra peza separada que o xuíz ordenou abrir, mentres que ditado auto de transformación en procedemento abreviado -dá por concluída a instrución- con respecto ao de branqueo de capitais.


Neste caso, acúsaselles de investir uns 300.000 euros que Liñares recibiría de distintos empresarios en concepto de comisións e subornos na firma Artenosa, a empresa adxudicataria da publicidade dos buses de Lugo, na que Liñares entrou como socio e na que puxo a traballar ao seu fillo.

Comentarios