Soben a cinco os pacientes con coronavirus ingresados en Uci no Hula

Os casos activos na provincia ascenden a 650
Entrada del Hula. EP
photo_camera Entrada del Hula. EP

O ritmo de contaxio do coronavirus mantense na provincia de Lugo, onde nas últimas horas detectáronse 44 novos casos, unha cifra similar aos 48 rexistrados o domingo. Segundo os datos publicados na web de Sanidade, os casos activos na provincia ascenden a 650, tan só cinco máis que na xornada anterior xa que nas últimas horas 39 persoas superaron a enfermidade.

Malas noticias en canto á presión hospitalaria. Na provincia continúan ingresadas once persoas pero nas últimas horas unha pasou á Uci do Hula, onde agora permanecen cinco pacientes con coronavirus. A situación en planta é similar á de xornadas anteriores: tres persoas continúan no hospital lucense, dous no da Mariña e unha en Monforte (unha menos).

Desde o inicio da pandemia, na provincia curáronse 20.049 pacientes covid (39 na última xornada) e faleceron con este virus 264 persoas, aínda que Sanidade contabiliza soamente 256 ao non ter en conta o deceso de varios lucenses noutras áreas sanitarias.

Sen nome


GALICIA. A comunidade rexistra un total de 8.591 pacientes con infección activa tras sumar na última xornada 696 contaxios e mantense por encima da media española en incidencia acumulada, ao situarse con 262,60 casos por cen mil habitantes a catorce días, fronte aos 248,18 estatais.

Unha xornada máis a cifra segue crecendo na comunidade autónoma, o que tamén se reflicte na presión hospitalaria, con 12 ingresados máis, ata un total de 237, dos cales 202 atópanse en planta, catorce máis, e 35 en unidades de coidados intensivos, os mesmos que onte, segundo os datos do Sergas de onte domingo ás seis da tarde.

Desde o comezo da pandemia faleceron en Galicia 2.681 persoas, tres nas últimas horas.

Ata o momento contaxiáronse na comunidade autónoma 194.691 persoas, das que se curaron 183.456.

Por áreas, como en xornadas anteriores, os casos soben en todas as zonas. A área sanitaria de Vigo segue á cabeza con 2.589 casos, 140 máis; seguida da de Ourense, que rexistra 2.140 pacientes con infección activa, 99 máis.

En canto á área sanitaria da Coruña contabiliza 1.172 casos, 35 máis; a área de Pontevedra rexistra 1.033, 79 máis, e a de Lugo 650, 5 máis.

As áreas con menos casos rexistrados son as de Santiago, que conta con 614 pacientes con infección activa, 19 máis, e a de Ferrol, que suma 393, 10 máis. 

Desde o comezo da pandemia realizáronse en Galicia 3.044.199 probas PCR e 998.015 de antígenos.

Comentarios