As traballadoras da limpeza de museos provinciais de Lugo levan dous meses sen cobrar

Tamén se lles debe a extraordinaria de Nadal cando está a piques de vencer unha nova mensualidade
Museo Provincial de Lugo. AEP
photo_camera Museo Provincial de Lugo. AEP

Os sindicatos CIG e USO denunciaron que as traballadoras do servizo de limpeza dos museos provinciais de Lugo, o Pazo de San Marcos e o Pavillón de Deportes da Deputación, non cobraron as nóminas de novembro e decembro, así como tampouco a paga extraordinaria de Nadal.

Nun comunicado remitido aos medios, a CIG e USO sinalan que este servizo está adxudicado á empresa Tempo Facility Services, á que os sindicatos esixen que proceda "de inmediato" ao abono dos salarios e que respecte todos os dereitos das traballadoras.

Os sindicatos recordou que o pasado 10 de xaneiro, tras coñecerse o inicio das mobilizacións, o presidente da Deputación, José Tomé, convocou ás traballadoras a unha reunión urxente para informar de que o ente provincial estudaba a fórmula legal para garantirlles o pago dos salarios nun prazo de dez días.

Con todo, aseguran que, transcorrido este tempo, as traballadoras seguen sen cobrar. Ademais, advirten de que está a piques de vencer outra mensualidade "e tampouco hai certeza de se o pago de xaneiro farase conxuntamente co resto das nóminas" ou se se empezará outra vez "coa falta de pagamentos".

Ante esta situación, a CIG e USO esixen a Tempo Facility Services que "cumpra coas súas obrigacións de inmediato" e á Deputación que faga "o necesario" para garantir que as traballadoras perciban os seus salarios. 

Comentarios