miércoles. 23.09.2020 |
El tiempo
miércoles. 23.09.2020
El tiempo

O Sergas concentrará en Fingoi a atención dos sábados de todos os centros de saúde

Exterior da PAC de Fingoi. AEP
Exterior da PAC de Fingoi. AEP
Sanidade sostén que non é unha "redución de recursos" senón unha concentración, mentres a CIG afea a decisión

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) concentrará desde este sábado no centro de saúde de Fingoi toda a actividade de medicina xeral e pediatría dos sábados pola mañá que ten lugar na cidade de Lugo. 

Diso informa nun comunicado, no que traslada que esta iniciativa pretende concentrar nun único punto físico a actividade asistencial e recursos humanos que ata agora se repartían nas mañás dos sábados nos seis centros de saúde do municipio e que, a partir do sábado, situaranse en Fingoi. 

No centro de Fingoi está tamén situado o Punto de Atención Continuada (PAC) de Lugo. O Sergas remarca que esta medida reorganizativa afecta á actividade de medicina familiar que se atendía os sábados pola mañá en horario de 8.00 a 15.00 horas nos centros de saúde do Concello de Lugo (centro de saúde de Fingoi, Illas Canarias, A Milagrosa, Praza de Ferrol, Sagrado Corazón e San Roque), así como a actividade de pediatría da quenda de mañá do sábado, que pasará de desenvolverse no centro de saúde da Praza de Ferrol a Fingoi. 

O servizo sanitario remarca que a decisión busca "evitar a dispersión dos recursos para a atención ordinaria" e defende que a concentración nun único punto físico de toda a actividade dos sábados pola mañá "non supón unha redución de efectivos", senón que os usuarios serán atendidos en Fingoi cos "mesmos recursos humanos, materiais e equipos sanitarios" que tiñan nos seus ambulatorios de referencia.

A CIG CRITICA A DECISIÓN. CIG Saúde criticou esta decisión e afeou ao Sergas que dea o paso "de forma unilateral", sen "ter en conta a opinión dos traballadores, dos axentes sociais nin da cidadanía". 

Segundo subliña, esta decisión implica, a partir deste sábado 19 e nun contexto marcado pola covid-19, "xuntar a 15 profesionais nun só centro os sábados pola mañá", ademais de todos os pacientes que acudan e que teñan citas programadas, e que se atenderán polos profesionais que teñen asignados ou non". 

O sindicato advirte de que a orde é que "a asistencia de mañá dependerá dos domicilios que queden programados da atención ordinaria da semana, curas e das demandas que xurdan durante o día". 

O Sergas concentrará en Fingoi a atención dos sábados de todos os...
comentarios