A Semana Santa de Lugo presenta o seu primeiro programa como Festa de Interese Galego

A distinción estréase o mesmo ano en que se conmemoran os 350 anos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo

A Xunta de Confrarías presentou este xoves o primeiro programa da Semana Santa de Lugo como Festa de Interese Turístico Galego, unha distinción que estrea xusto cando se conmemoran os 350 anos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo, nunha cidade que ostenta o privilexio papal desde 1963 para poder procesionar coa Sacra Forma polas súas rúas.

O vigairo xeral da Diócese de Lugo, Mario Vázquez Carballo, fixo referencia a esta coincidencia e á importancia que ten a condición da capital lucense como cidade do Sacramento, dado que conserva privilexios eclesiásticos case únicos no mundo, como ter exposto na súa Catedral de forma permanente ao Santísimo ou a indulxencia plenaria cotiá e perpetua na súa basílica.

Vázquez Carballo fixo referencia a todo o traballo realizado pola Xunta de Confrarías durante moitos anos para chegar a alcanzar esa distinción e recordou que “as cousas grandes conséguense traballando xuntos cada día” e con fe “no futuro, en Deus, nas persoas” e incluso “na política”.

Pola súa banda o presidente da Xunta de Confrarías, Ramón Basanta, recoñeceu que este ano é “moi especial” para este colectivo, porque se conseguiu un obxectivo perseguido durante moitos anos, algo que é “bo” para os confrades, pero tamén “para a Igrexa e para toda a cidade de Lugo”.

A edila de Cultura, Carmen Basadre, recoñeceu que para o Concello de Lugo foi “unha satisfacción percorrer este camiño con todas as confrarías de Semana Santa”, ás que animou a seguir “traballando para que sexa de Interese Turístico Nacional” no prazo de cinco anos, un obxectivo que segundo o deputado provincial de Turismo, Eduardo Vidal, vaise “conseguir entre todos”.

Pola súa banda, o xefe territorial de Presidencia, Ramón Carballo, asegurou que a Semana Santa de Lugo “é especial” e alcanzar este recoñecemento “é un mérito de todos os lucenses”. En canto ao programa deste ano, o encargado da lectura do pregón, o 10 de abril no salón rexio do Círculo das Artes, será o catedrático de Dereito Romano e académico da Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación Federico Fernández de Buján.

A principal novidade deste ano é a representación que se fará da paixón de Cristo o día 12 de abril, coa participación de varias parroquias e que se desenvolverá no atrio da Catedral, pero tamén no interior do templo, con final no claustro, onde se recreará a crucifixión.

Un ano máis, a Armada acompañará á procesión da Virxe da Esperanza, o Luns Santo; o Exército de Terra (A Brilat) fará o propio coa Procesión do Bo Xesús e do Nazareno, o Martes Santo; mentres que a Garda Civil acompañará a Procesión do Cristo do Perdón e da Virxe da Piedade, o Mércores Santo.

O formato do programa de man editado pola Xunta de Confrarías, que este ano será enviado a axencias de viaxe de toda Galicia e doutros lugares de España, cambiou este ano, segundo Ramón Carballo, para facelo “máis sinxelo e máis manexable”. As fotos e o cartel son obra, un ano máis, do fotógrafo local Eduardo Ochoa.

Comentarios