Seijas: "As vendas en rebaixas son moderadas e será difícil salvar a campaña"

“Imos vendendo o que se pode, pero de momento sen nada de apuro”, recoñeceu o presidente da Federación Galega de Comercio
José María Seijas. EP
photo_camera José María Seijas. AEP

O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, recoñeceu que o sector non termina de remontar e, a pesar de que a maioría das tendas xa puxo as rebaixas, as vendas seguen sendo “moi moderadas”, de modo que será “difícil” salvar a campaña.

“Practicamente todo o comercio e outras canles de distribución puxeron xa as rebaixas, pero non se notou moito. Quizais o primeiro día, pero agora as vendas están a ser moi moderadas. A xente só compra o que necesita”, dixo Seijas en declaracións a EFE.

Recoñeceu que “o tempo tampouco axudou” a sectores como o do téxtil ou o calzado, porque “non acaba de chegar un verán forte” que incentive aos clientes a comprar a roupa de tempada.

“Imos vendendo o que se pode, pero de momento sen nada de apuro”, recoñeceu Seijas, quen volveu reclamar unha regulación dos períodos de rebaixas, porque os comerciantes preferían atrasar o período de descontos, para vender “a un prezo normal parte do seu stock”, pero “outras canles puxeron rebaixas e tivemos que seguir esa senda”, co que apenas queda “marxe de beneficios”.

Seijas opina que será “moi difícil” salvar esta campaña porque “hai un grao de desconfianza moi forte” entre os potenciais clientes, ata o punto de que “posiblemente nunca estivo tan baixa desde o inicio da crise, no ano 2009”.

Existe “moita incerteza”, dixo Seijas, “a xente ten medo, porque non sabe o que vai suceder no futuro. Hai persoas que están nun ERTE e non saben se poderán volver ao seu traballo”.

Esas circunstancias, precisou, fan que “as vendas se retraigan”.

Comentarios