Por seguridade, o turismo é mellor en Galicia

Unha campaña promociona en Lugo a comunidade como o destino de vacacións máis seguro nun tempo de incerteza
2020080811492358444
photo_camera Un guía ofrece información a unha visitante. SEBAS SENANDE

A cidade lucense acolle desde onte Galicia destino seguro, unha campaña itinerante que pretende concienciar á xente para promover un turismo seguro na comunidade autónoma. Durante a xornada de hoxe, a unidade móbil seguirá na Praza Horta do Seminario con profesionais do sector para informar sobre aqueles atractivos turísticos dos que dispón a área e o pontencial de Galicia como destino seguro.

A alcaldesa, Lara Méndez, e o concelleiro de medio ambiente, Álvaro Santos, visitaron o espazo móbil este venres pola mañá. A rexedora quixo resaltar a importancia de potenciar "un turismo en Lugo seguro e acorde co modelo de cidade. Nestes momentos de crise sanitaria global debemos priorizar un turismo de calidade, menos masificado e capaz de satisfacer as demandas e intereses dous visitantes".

Así, esta oficina turística, ademais de ser un espazo informativo por contar con expertos que pon en valor os recursos turísticos de Galicia, tamén é expositiva. A unidade mostra pequenos recunchos con elementos que caracterizan á comunidade, como os seus produtos alimenticios galegos e a artesanía de coñecidos mestres como o obradoiro de gaitas Seivane e Elena Ferro.

Tamén hai unha sección dedicada a aqueles espazos que son Patrimonio da Humanidade e unha pantalla que reproduce un vídeo con declaracións de peregrinos de todo o mundo que contan a súa experiencia facendo o Camiño de Santiago.


CAMPAÑA

A campaña Galicia destino seguro comezou en Santiago de Compostela e está previsto que percorra gran parte de Galicia. Pasará polas sete cidades e os seus principais municipios turísticos co fin de mostrar a comunidade como un lugar seguro para pasar as vacacións.

En Lugo, o espazo informativo continuará este sábado, de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas. Mañá porá rumbo á Ribeira Sacra e subirá despois á zona da Mariña, para acabar a súa ruta pola provincia lucense.