A secretaria de Pilar de Lara rexeita cumprir ordes que cre irregulares

A letrada do seu xulgado responsabilízaa de que na Pokemon non se respectara a orde cronolóxica das actuacións

Pilar de Lara. AEP
photo_camera Pilar de Lara. AEP

A situación que se vive no xulgado de instrución número 1 de Lugo, que dirixe Pilar de Lara, non deixa de empeorar e entrou nun momento crítico. Ademais do expediente sancionador que lle abriu o Consejo General del Poder Judicial por colapsar o xulgado co seu xeito de instruír os macrosumarios que acumula, agora tense que enfrontar a unha ausencia case total de comunicación cos seus funcionarios, algúns dos cales se negan a cumprir peticións de De Lara ante o risco de cometer irregularidades.

A quebra total de confianza fíxose patente nunha dilixencia que acaba de emitir a letrada da Admistración de Xustiza do xulgado (LAX, figura antes coñecida como secretaria xudicial), na que responsabiliza á propia maxistrada da desorde no sumario da operación Pokemon, desorde que De Lara tratara previamente de endosar á letrada. Ademais, advírtelle de que non pode cumprir o traballo que lle encarga porque implicaría "unha alteración da tramitación practicada na instrución".

A orixe sitúase nunha serie de escritos presentados polo avogado de José López Orozco neste caso, nos que pide explicacións por numerosas irregularidades que detectara: tomos que non se corresponden cos anteriores, folios que aparecen e desaparecen, dilixencias aprobadas pero sen incorporar desde hai anos, datos que benefician ao seu cliente pero non se incluíron...

Nunha providencia, Pilar de Lara responde a ese escrito eludindo calquera responsabilidade e endosándoa á secretaria, á que ordena "a adecuada formación do procedemento".

A decisión da maxistrada de cargar en traballadores do xulgado os erros e atrasos rompeu case por completo a comunicación

RESPOSTA. O que seguramente non esperaba é recibir por escrito, nunha dilixencia comunicada a todas as partes, unha resposta desa contundencia. Nela, a JAT empeza por rectificar os datos de De Lara, que dicía que a peza constaba de 92 tomos cando en realidade "son 104, cun total de 60.000 folios". "A formación da instrución", recórdalle, "realizouse baixo as ordes directas da maxistrada, baixo cuxo poder se atopaba durante a tramitación da mesma".

Nese sentido, incide en que "a formación de autos, de ordinario, practícase pola orde cronolóxica polo que acontece o feito procesual, extremo que non se respectou no presente proceso por causas varias e alleas a esta letrada".

Para finalizar, informa de que cumprir a orde de Pilar de Lara "suporía, de facto, unha alteración da tramitación, polo que non se pode cumprir o requirimento". A cambio, ofrécelle se quere volver formar os tomos desde cero e na orde que deben respectar, pero a continuación recórdalle que "o prazo de prórroga de instrución finaliza o día 6" do mes que vén.

Este escrito rompe ademais a liña de flotación da defensa de Pilar de Lara para tratar de evitar a suspensión de sete meses que lle impuxo o CGPJ; e que se baseaba na súa maior parte na carencia de medios e en que os atrasos e irregularidades detectados era responsabilidade dalgúns dos seus funcionarios e, en especial, dos distintos JAT que tivo, ata cinco nos últimos anos. Todos eles terminaron por pedir o traslado ante a presión á que se lles sometía e nalgún caso ata caeron en baixas laborais por depresión.

Comentarios