Encérrase co seu fillo no baño ante as ameazas do seu marido

A Policía Local tivo que rescatar na noite do pasado sábado a unha muller que, ante as ameazas de agresión do seu marido, tívose que encerrar no baño do domicilio familiar xunto ao fillo menor de ambos. O home, de 53 anos, foi detido acusado dun delito de violencia de xénero.

Os feitos, segundo informou a Policía Local, sucederon sobre as 23.40 horas do pasado sábado, cando os axentes recibiron o aviso de que unha muller e un neno estaban encerrados no baño e o marido e pai do neno ameazaba con agredir á súa esposa. Ela conseguiu avisar desde dentro ao seu propio irmán e á Policía Local.

Tras proceder á detención de J.L.C.A, os axentes puideron determinar que os feitos derivaran dunha forte discusión que se iniciou pouco antes, cando a parella e o fillo saían dun restaurante da cidade e comezaron a discutir. O motivo, segundo parece, foi a falta de acordo entre ambos nas condicións en que se realizaría o convenio regulador do divorcio, xa que a parella estaba en pleno proceso de separación.

Segundo o informe policial, o marido reaccionou "insultándoa e ameazándoa, intentando agredila, motivo polo cal ao chegar ao seu domicilio a muller e o seu fillo refúxianse no cuarto de baño e desde alí pide auxilio ao seu irmán e á Policía".

O home foi posto a disposición xudicial.

Comentarios