jueves. 20.02.2020 |
El tiempo
jueves. 20.02.2020
El tiempo

Santos critica as trabas da CHMS para limpar ríos

Efectos da riada xunto ao Ceip A Ponte, onde a CHMS fixo obras para conter as inundacións. SEBAS SENANDE
Efectos da riada xunto ao Ceip A Ponte, onde a CHMS fixo obras para conter as inundacións. SEBAS SENANDE
O edil di que o arranxo das canles evitaría os danos por crecidas

O concelleiro de medio ambiente de Lugo, o socialista Álvaro Santos, criticou este mércores en rolda de prensa as trabas que ao seu parecer impoñen entes como a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a quen solicitan permisos para limpar os ríos e engadiu que, se se realizasen mantementos periódicos das canles, evitaríanse os danos causados polas crecidas.

O edil, que respondía nunha rolda de prensa a preguntas dos xornalistas sobre se o Concello avaliara xa os efectos dos últimos temporais nos paseos fluviais da cidade, lamentou tamén que os organismos de control hidrolóxico tampouco fagan o seu traballo. "Nin limpan nin deixan", comentou Santos en alusión ao organismo que controla a conca miñota e que dirixe o tamén socialista José Antonio Quiroga.

O concelleiro de medio ambiente apuntou con todo que o Miño, polas súas dimensións, non é o río que máis sofre os efectos desta falta de limpeza das beiras ou dos leitos fluviais e apunta que é nas canles máis pequenas onde máis se notan os problemas provocados pola acumulación de maleza ou troncos de árbores.

Neste sentido, Santos explica que cando se acumula lodo no fondo dun río, a primeira consecuencia é que sobe o nivel da auga e as crecidas provocan máis danos. "Non é que chova máis agora que hai décadas; máis ben ou contrario, o problema é que o nivel dos ríos sobe e rebordan máis facilmente", comentou o edil, quen puxo como exemplo que naqueles ríos onde antes había lavadoiros, agora acumúlanse lodos ou restos de ramas no fondo.

Tamén recordou os problemas que xeran en infraestruturas, como as pontes fluviais, os troncos de árbores que caen ás canles e quedan bloqueados, creando diques que acaban por alagar as beiras.

Finalmente, o concelleiro de medio ambiente considerou que é pronto para avaliar os efectos dos últimos temporais e di que unha vez melloren as condicións meteorolóxicas estudaranse os danos, que cre que se darán sobre todo nos carreiros fluviais.

Santos critica as trabas da CHMS para limpar ríos
Comentarios