Santos chama "lercho" a Feijóo por volver prometer o que non fixo

O secretario xeral do PSdeG en Lugo asegurou que o presidente da Xunta "ten a cara moi dura"

Álvaro Santos. EP
photo_camera Álvaro Santos. EP

O secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, Álvaro Santos, dixo este venres en rolda de prensa que hai que ser "practicamente un lercho", en clara alusión ao presidente da Xunta de Galicia, para "volver prometer" no debate orzamentario "o que escoitamos ano tras ano que se vai facer, pero que non se fixo".

"Hai que ter a cara moi dura", dixo á prensa Santos, para "volver vender o investimento" no novo auditorio da cidade ou para non explicar por que "non figura nin un euro" de investimento nas previsións para o próximo ano no que se refire ás obras da Intermodal de Lugo.

Na mesma liña, insistiu en que "hai que ter capacidade para non ruborizarse" á hora de explicar por que as "máquinas" non están a traballar xa na "Vía de Altas Prestacións da Mariña".

Recordou que, a pesar de pasar "unha lexislatura complexa", o goberno provincial foi capaz de aprobar "os orzamentos todos os anos" e, polo tanto, achegar investimentos a todos os concellos de Lugo.

Con todo, a Xunta, insistiu, "só pode presumir do que está a facer estes días", que é prometer investimentos que "non se materializan nunca".

Comentarios