Sanidade iniciará este xoves o cribado na residencia da Milagrosa

A próxima semana realizaranse test no xeriátrico de Outeiro de Rei. Oito das 45 persoas que deron positivo atópanse ingresadas no Hula
Residencia de A Milagrosa. XESÚS PONTE
photo_camera Residencia da Milagrosa. XESÚS PONTE

A Consellería de Sanidade ten previsto iniciar este xoves o cribado para descartar a existencia de casos de coronavirus entre os usuarios e os traballadores da residencia de maiores da Milagrosa, o barrio no que se atopa o epicentro do brote de Covid-19 detectado na cidade de Lugo.

Así mesmo, está prevista a realización a próxima semana dun novo cribado na residencia de Outeiro de Rei, onde a situación empeorou nas últimas horas, debido a que tiveron que ser hospitalizados oito das corenta e cinco persoas que deron positivo nas probas PCR.

Tamén se realizará un cuarto cribado na residencia de maiores do Incio esta mesma semana para comprobar como se atopan os residentes que ata agora deran negativo nas probas realizadas ata o momento.

Dúas das catro vítimas mortais rexistradas este mércores en Lugo eran usuarias da residencia de maiores do Incio. As dúas mulleres, de 94 e 86 anos, estaban ingresadas no Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula).

Con estas, son nove as mortes relacionadas co brote da residencia, que tivo que ser intervida pola Xunta e que supera o centenar de afectados.

Ademais, Sanidade informou de que xa empezou a chamar a máis de 4.000 profesionais que traballan nos centros educativos da provincia para participar nun cribado masivo antes do inicio do curso escolar. 

Comentarios